Aberta a inscrición para participar nas actividades de Concilia A Lama 2021
Por Redacción
O Concello da Lama xa abriu o prazo de inscrición para o servizo denominado 'Concilia A Lama 2021' que ofrece ás familias actividades para conciliar a vida persoal, familiar e laboral. O proceso para apuntarse finaliza o 13 de xuño nas dependencias municipais ou a través da sede electrónica do Concello.
Este programa, financiado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, diríxese a menores con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos que se atopen empadroados no Concello ou que algún dos seus proxenitores traballe no termo municipal da Lama.
As actividades previstas para este ano desenvolveranse en diversos espazos como o Multiusos ou o parque infantil da Alameda, entre outros. A programación distribuirase entre o 1 de xullo e o 10 de setembro e do 22 de decembro de 2021 ata o 7 de xaneiro de 2022, durante as festas do Nadal. Os horarios serán de 09.00 a 14.00 horas coa opción ampliada de 08.30 a 14.30 horas.
O servizo poñerase en marcha cun mínimo de 5 menores anotados e un máximo de 15. No caso de que se supere este número de solicitudes, levará a cabo un proceso de baremo en función das bases recollidas na web do Concello da Lama.
A intención destas actividades será promover hábitos de vida saudables a través de xogos e dinámicas lúdicas, ademais de actividades que promovan a igualdade, a integración, a convivencia e a cooperación. Tamén se desenvolverán accións de promoción do coidado do medio ambiente, a reciclaxe e o consumo responsable.