Clamor en Estribela tras o atropelo mortal: "Isto víase vir. En calquera momento ía pasar"
Por Alejandro Espiño
Nunha Estribela conmocionada aínda polo tráxico suceso rexistrado onte, comeza a aflorar outro sentimento: a indignación. E é que os habitantes deste lugar, limítrofe xa con Marín, están fartos de denunciar o mal estado no que se atopa a zona.
"Isto víase vir. En calquera momento ía pasar isto ou moito máis", explican Ricardo e Esperanza, residentes en Estribela, a PontevedraViva. Os veciños levan anos esixindo medidas de seguridade nun vial, a PO-546, onde non hai elementos de acougado de tráfico.
Os coches "adoitan pasar a moitísima velocidade", asegura Ricardo, o que sumado a pasos de peóns borrados e unha escasa visibilidade, fai que o risco sexa maior. "A ver quen cruza esta estrada de noite. Ás veces nin de día te atreves", engade.
Isabel leva máis de corenta anos vivindo en Estribela. "Estamos abandonados totalmente", sinala antes de cruzar o paso que debe atravesar a diario para acudir ao supermercado. "Por moito que se chame á Xunta -titular desta estrada- aquí non vén ninguén", lamenta.
Ela, como a maior parte dos residentes, reclama "que se poñan semáforos ou algo" nas cruces máis perigosos "ou lombos deses" e máis cando os peóns, en ocasións, teñen dificultades para camiñar "porque os coches aparcan encima das beirarrúas".
Niso coincide tamén Isolina, que defende que se instalen lombos e que se reduza o límite de velocidade para circular por esta estrada. "É o que fai falta porque aquí van como tolos", apunta. Cre que o barrio está "moi descoidado", debido a un "cúmulo de todo".
O CONCELLO PIDE MEDIDAS DE ACOUGADO
Tras o atropelo de Estribela, no que faleceu unha muller de 68 anos e resultou ferida grave a súa neta de 6 anos, desde o goberno municipal de Pontevedra quixeron transmitir as súas condolencias á familia e lamentaron que se produciu esta desgraza.
"O risco cero non existe", sinalou o edil Alberto Oubiña, quen con todo lembrou que esta estrada carece de elementos de acougado de tráfico, a pesar das reiteradas reclamacións feitas ante a Xunta polo Concello e a asociación de veciños.
Despois de lembrar que "os lombos salvan vidas", o concelleiro nacionalista entende que "non se pode agardar máis" pola reforma desta estrada. Para elevar os pasos de peóns ou pintar as marcas viarias "non fai falta un gran proxecto", engadiu Oubiña.
Desde o Concello esixen á Xunta que actúe "inmediatamente" para corrixir os problemas de seguridade da PO-546, pero non só no trazado proxectado, entre a rotonda de Praceres e Marín porque "non é suficiente", senón en todo o seu percorrido ata Pontevedra.
Relacionadas:
-
Estudan alternativas para reformar a PO-546 entre Mollavao e Praceres
Por Redacción |
-
A reforma da PO-546 en Estribela custará preto de 900.000 euros
Por Redacción |
-
Queda en liberdade o detido polo atropelo mortal de Estribela, ao que investigan por homicidio imprudente
Por Natalia Puga |
-
Unha veciña de Marín de 68 anos morre e a súa neta de 6 resulta ferida nun atropelo en Estribela
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Pontevedra, disposta a asumir a PO-546 se a Xunta antes a reforma por completo
Por Alejandro Espiño |
-
Medio quilómetro da estrada vella a Marín, en Estribela, será rehabilitado de xeito integral
Por Alejandro Espiño |