A Fundación Menela remata o Camiño de Santiago cunha visita ao Concello
Por María José Pita
Un grupo de usuarios e profesionais da Fundación Menela achegouse este mércores ata a Casa Consistorial de Pontevedra para celebrar o final de etapa na ruta que están a facer polo Camiño Portugués da Costa a Santiago e trasladar ao alcalde información sobre as súas actividades.
Adrián Márquez, usuario da Fundación e participante neste proxecto "Xacobeo Autismo. Un camiño de todos", foi o encargado de ler un comunicado no que explicaba que facer o Camiño por etapas, desde a saída en Nigrán, é "unha experiencia que cambia a rutina do noso día a día". Lembraba que o ano pasado a pandemia impediulles saír a facer a Ruta Xacobea e mesmo este ano tiveron que reducir o número de participantes para adaptarse ás medidas sanitarias. "Botamos en falta a moitos compañeiros e amigos que non nos poden acompañar nesta edición, recollemos o seu apoio de xeito virtual e os esperamos coa mirada posta no Xacobeo 2022", indicaba Márquez.
Precisamente o alcalde, Miguel Fernández Lores, recolleu a vez e comprometeuse a acompañar o ano que vén aos participantes na súa andaina. "Saímos da Peregrina, lévovos a coñecer o Centro Histórico e logo camiñamos pola ponte do Burgo", manifestaba o rexedor ao saber que para 2022 a Fundación Menela ten previsto comezar a Ruta en Pontevedra.
O alcalde, que estivo acompañado nesta recepción da concelleira Eva Vilaverde, explicaba aos camiñantes que Pontevedra é "unha cidade pensada para as persoas, en especial para as que teñen máis dificultades para moverse", con moito espazo público sen barreiras e con sinalización fácil de entender.
En canto á sinalización, o director xeral da Fundación Menela, Cipriano Luís Jiménez Casas, comentaba que aproveitan as diferentes paradas no Camiño para achegarse ata os Concellos, como é o caso de Pontevedra, pero tamén a centros de saúde para "levarlles pictogramas e sinalización" axeitada para facilitar a comunicación coas persoas con Trastorno do Espectro do Autismo, como é o caso dos seus usuarios, pero "tamén para a xente maior que a miúdo ten dificultades para entender a información".
A FUNDACIÓN MENELA E O CAMIÑO
A Fundación Menela-Rede de servizos para o autismo e a dependencia é unha entidade de iniciativa social sen ánimo de lucro con sede en Vigo e que dá resposta ás necesidades específicas de apoio das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e á súas familias, desde os primeiros anos de vida ata a idade adulta.
O proxecto "Xacobeo Autismo. Un camiño de todos" enmárcase dentro do programa "O teu Xacobeo" da Xunta de Galicia. A través desta iniciativa, vinte persoas con Trastorno do Espectro do Autismo do Centro de Adultos Castro Navás están a vivir e compartir experiencia con outros peregrinos nun tramo do Camiño Portugués da Costa, entre Nigrán e Pontevedra.