As carencias do Carlos Oroza deixan fora, segundo o Concello, uns 700 estudantes
Por Redacción
700 alumnos quedaron sen poder matricularse no Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. ÿ unha mostra, segundo o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, da "preocupante situación" no que se atopa o ensino medio na cidade de Pontevedra. Ao mesmo tempo denuncia que a Escola de Capataces Forestais de Lourizán abriu este xoves as súas portas, cun aparatoso atraso e aínda sen cubrir todas as prazas do profesorado.
Os datos que fixo públicos Agustín Fernández indican que máis de 1.100 alumnos pediron cursar estudos no Carlos Oroza e tan só se lle deu cabida a 430 nos distintos ciclos medios e superiores que se imparten no centro. O déficit nalgúns ciclos supera os 100 alumnos e resulta "sangrante", di o concelleiro, nos casos de Cociña-Gastronomía e Panadería-Repostería.
Agustín Fernández asegura entender que "non se pode atender un número tan elevado de peticións, pero está claro que as malas condicións do actual edificio, situado na cidade infantil Príncipe Felipe, son un condicionante certo que impide canalizar un maior volume de demanda". Estas cifras volven demostrar, sinalou, a "urxencia" da construción da nova sede do Carlos Oroza na parcela que o Concello cedeu no ano 2011 na zona da Parda.
O concelleiro lembra que a Xunta "xa puxo pegas para recibir a parcela e logo, nun absoluto desprezo a Pontevedra, negouse a edificar o novo instituto coa única xustificación da necesidade de incrementar a superficie construída". Fernández afirmou que é un dos institutos máis saturados de Galicia, "polo que debería procederse canto antes a dotalo dunha sede digna e suficiente para canalizar unha maior parte da demanda".
O responsable municipal confía en que detrás da negativa da Xunta a construír a nova sede na Parda "non se agoche un intento, non confesado aínda, de levantar unha nova escola de hostalería noutra zona da provincia máis afín aos intereses electorais do Partido Popular".
ESCOLA DE CAPATACES FORESTAIS
Por outra banda, Agustín Fernández lamenta que os 120 alumnos da Escola de Capataces Forestais do Centro de Formación e Experimentación de Lourizán tiveran que agardar ata este xoves para o comezo das clases "diante da incapacidade" das consellerías de Educación e Medio Rural para cubrir todas as prazas do profesorado.
"Hoxe, por fin, aínda sen dotar as prazas vacantes no profesorado e, por tanto, en situación precaria, iniciouse a actividade académica", di Fernández sobre unha Escola de Capataces, que conta con alumnos de toda Galicia e mesmo algúns doutras comunidades autónomas e que "ve así moi minguado o prestixio gañado ao longo da súa historia".
Relacionadas:
-
Agustín Fernández acusa a Educación de crear "confusión" sobre o futuro do Carlos Oroza
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Xesús Vázquez asina un convenio con 76 centros para mellorar a calidade educativa
Por Oskar Viéitez |
-
O Carlos Oroza está en 'boa vila': dá de beber (e comer) a quen pasa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Alarma na concellaría de Educación polo atraso no inicio de curso na Escola de Capataces Forestais
Por Redacción |