Suspendido o xuízo contra un home acusado de abusar sexualmente dos seus dous sobriños
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tivo que suspender este xoves un xuízo por dous delitos continuados de abusos sexuais a menores, diante da incomparecencia do acusado.
A Fiscalía acusa a este home de abusar sexualmente dos seus dous sobriños, ambos menores de idade e pide que sexa condenado a penas que suman doce anos de prisión, así como a prohibición de achegarse a cada un dos seus sobriños por tempo superior en 9 anos ao da duración da pena de prisión que resulte imposta.
Reclama así mesmo 10 anos de inhabilitación para oficios ou ocupacións que teñan que ver con menores, a obrigación de someterse a un programa de educación sexual, e a medida de liberdade vixiada durante 9 anos. A Fiscalía tamén pide que indemnice á súa sobriña en 25.000 euros polo prexuízo moral, mentres que o sobriño non reclama en concepto de responsabilidade civil.
O acusado presentou un parte médico para xustificar a súa ausencia durante a xornada de hoxe polo que o tribunal volveu a sinalar para o día 15 de xuño este caso que procede do Xulgado de Instrución número 3 de Ponteareas.
No escrito de acusación o Ministerio Público relata que o procesado vivía no mesmo domicilio que a súa nai e a súa irmá, xunto aos fillos menores dela, un neno e unha nena.
Polo menos desde 2009, cando o neno tiña 11 de anos de idade, o acusado leváballo á súa habitación, co pretexto de ver unha película, e alí realizáballe tocamentos, esixíndolle que non contase nada e ameazándoo con contarlle á avoa que o vía masturbarse. O neno, por medo a defraudar á súa avoa, accedía a que o acusado o masturbase e estes episodios repetíronse ata que o menor cumpriu 13 anos e negouse a mantelos.
Entón, o seu tío desviou a súa atención cara á súa sobriña, irmá do primeiro, e que padece un trastorno xenético cunha discapacidade intelectual e alteracións sociais e emocionais, das que o acusado era coñecedor. Segundo a Fiscalía, o tío tamén realizou tocamentos á nena en varias ocasións, ata que se denunciaron os feitos, en 2018.