O alcalde de Barro pide á subdelegada do goberno a mellora da seguridade viaria da N-550
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reuniuse este xoves co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, para estudar, entre outros asuntos, posibles obras de mellora da seguridade viaria na estrada N-550, de titularidade estatal.
O rexedor expuxo á subdelegada a necesidade de mellorar a seguridade viaria en dous puntos da estrada nacional ao seu paso polo municipio. A primeira obra suxerida polo alcalde supoñería mellorar o acceso ao núcleo de San Antoniño, á altura do cruzamento entre a N-550 e a EP-506. Abraldes puxo sobre a mesa a posibilidade de que Estradas do Estado e a Deputación de Pontevedra realizasen un estudo técnico para avaliar as posibles intervencións de mellora da seguridade neste punto.
Así mesmo, o nacionalista tamén comentou coa subdelegada o perigo que presenta a N-550 á altura da capela de Santo Antón. Neste sentido, suxeriu a posibilidade de planificar un carril de espera que favoreza o xiro á esquerda cara a rúa Areal.
Pola súa banda, Maica Larriba comprometeuse co alcalde de Barro a trasladar ambas as propostas ao Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana co obxectivo de que sexan consideradas para o seu estudo técnico. A subdelegada expresou a súa sensibilidade ante este tipo de necesidades e o compromiso do Goberno coa mellora da rede de estradas nacionais e a súa seguridade.