Aberto o prazo de inscrición para as ludotecas de verán en Poio
Por Redacción
A Concellería de Educación de Poio informa de que xa está aberto o prazo de inscrición para as ludotecas que porá en marcha durante a temporada estival.
Estas ludotecas están pensadas para facilitar a conciliación familiar e laboral no verán e desenvolveranse en dous programas: Campaverán e Raxó Verán. As actividades iniciaranse o 1 de xullo e finalizarán o 31 de agosto.
A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, explica que o período para anotarse está aberto desde este xoves 27 de maio ata o vindeiro 7 de xuño, inclusive. As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos poderán facelo online a través da Sede Electrónica do Concello ou de modo presencial no Rexistro, xestión esta última para a que será imprescindible solicitar cita previa.
Como en anos anteriores, tanto Campaverán como Raxó Verán dividiranse en catro quincenas: do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 15 de agosto e do 16 ao 31 de agosto.
Campaverán terá lugar no CEIP Isidora Riestra, en San Xoán de Poio, de luns a venres entre as 7.30 e as 15.00 horas, mentres que Raxó Verán será no CEIP Espedregada de Raxó, de 9.00 a 14.00 horas.
As prazas ofértanse para nenos e nenas nados entre os anos 2009 e 2017, ambos inclusive, que estean empadroados en Poio ou que cuxos pais e nais traballen en empresas con sede fiscal no municipio. A titular de Educación garante que estas actividades vanse desenvolver cumprindo con todos os requisitos e medidas de seguridade que establecen as autoridades sanitarias en materia de hixiene, distanciamento e aforo, tal e como xa se fixo no verán de 2020.
O número de prazas que se oferta será de 80 por cada quincena no caso de Campaverán e 20 no Raxó Verán, o que suma un total de 400 prazas para os dous meses. A tarifa será de 30 euros por quincena no primeiro caso e 25 no segundo, se ben se aplicarán descontos se se inscribe a máis dun fillo.
Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase un listado provisional de admitidos, abríndose un período de dous días para a presentación de reclamacións, se así procedese. Á hora de facer o proceso de selección, teranse en conta criterios como que os dous proxenitores traballen, ou un deles, solicitudes de familias monoparentais ou que se inscriba a máis dun neno na mesma quincena.
"Consideramos indispensable ofrecer este servizo tan importante para que os pais e nais teñan a posibilidade de recuperar a súa economía familiar, que, en moitos casos, quedou moi afectada pola pandemia", explica a edil de educación que, ademais de garantir a conciliación familiar e laboral, engade coma obxectivo "fomentar valores entre as crianzas que teñen que ver coa participación social, a integracións ou a convivencia, a través de actividades de lecer sustentables".
Relacionadas:
-
Abre o prazo de inscrición para as actividades de verán en Portas
Por Redacción |
-
Campaverán e Raxoverán volven en xullo e agosto para facilitar a conciliación familiar e laboral
Por Redacción |
-
O Espazo Concilia de Poio inicia a súa actividade estival
Por Redacción |
-
Póñense en marcha as ludotecas de verán do concello de Poio
Por Redacción |
-
As ludotecas de Poio adáptanse ás medidas anti covid-19
Por Redacción |