Denuncian a aparición de silicona na pechadura da oficina do grupo municipal do PP no Concello
Por Redacción
A fechadura do despacho do Partido Popular situado no edificio do Concello en Michelena 30 aparecía á primeira hora do xoves 27 cun tipo de pegamento ou de silicona que fora introducido para bloquear o acceso a esta oficina.
Ante esta situación, o presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado pola secretaria xeral Pepa Pardo acudiron á Policía Nacional para denunciar esa acción nunhas dependencias que son utilizadas diariamente pola formación. Tamén notificaron os feitos á Policía Local.
Este despacho atópase no soto do edificio municipal e, segundo explican os populares, para acceder é necesario pasar polo control de seguridade da Policía Local. Tamén lembran que, debido aos protocolos covid, calquera persoa allea a este edificio debe presentar as súas credenciais aos axentes.
Rafa Domínguez móstrase sorprendido por esta actuación e sinala que dentro do despacho hai información sensible derivada da súa actividade diaria como expedientes, informes e documentación privada. A agrupación popular tamén solicitou un informe ao departamento de Informática municipal no que se determine se alguén accedeu aos equipos informáticos que se atopan neste despacho municipal durante os días 26 e 27 de maio.