O xurado do concurso de carteis de San Xoán 2021 elixe os debuxos gañadores
Por Redacción
A Concellería de Festexos, dirixida polo nacionalista Xosé Luís Martínez, deu a coñecer este venres o nome dos premiados nunha nova edición do concurso de carteis de San Xoán. En total, presentáronse 274 deseños, unha cifra "moi importante", tal e como sinalou o titular do departamento, que agradeceu a implicación das crianzas e da mocidade á hora de tomar parte neste certame, así como á colaboración amosada polas direccións dos centros de ensino para fomentar a devandita participación.
O debuxo elixido polos membros do xurado, presidido polo propio edil de Festexos e composto por representantes dos grupos da Corporación e persoal técnico de Cultura, foi o realizado por Mencía Garrido, do CEIP Espedregada de Raxó, que se presentou na categoría de 9 a 11 anos. Deste xeito, a súa obra será a que se utilice a modo de promoción das Festas de San Xoán 2021 do Concello de Poio.
O resto dos premiados foron os integrantes da Clase das Vacalouras do CEIP Viñas (participaron na elaboración do seu debuxo dez nenos e nenas), Alejandra Álvarez e María Julia Marcano (ambas estudantes de primeiro de ESO) e Carla Cedeira (terceiro de ESO), do IES Poio. Todas elas serán agasalladas con premios en metálico, que van desde os 80 ata os 140 euros en función da categoría, para seren empregados na compra de material nas librarías do municipio.
GRAFFITI
O alumnado de cuarto da ESO que neste curso elixiu a materia de Plástica como optativa vén de participar esta semana nun obradoiro de elaboración de graffitis, impartido polo artista A Ras e impulsado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), dependente da Concellería de Mocidade, en colaboración coa dirección do IES.