Aumentan as estafas online con tarxetas un 114% na provincia
Por Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, presidía este venres a Xunta Provincial de Seguridade cos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na provincia para analizar os datos relacionados coa delincuencia e as infraccións penais durante o primeiros cinco meses deste 2021.
Estes datos mostran unha baixada respecto ao mesmo período do ano anterior en relación a roubos en vivendas (-19%), en establecementos comerciais (-60%) e demais roubos con forza (-47%). Os delitos contra o patrimonio, entre os que se atopan os furtos, as subtraccións de vehículos e no interior dos automóbiles, reducíronse un 5,5%. Tamén baixaron as lesións nun 8% respecto a 2020.
Con todo, aumentaron os casos de malos tratos. O incremento foi dun 9.5%. Maica Larriba tamén destacou o lixeiro aumento dos delitos contra a liberdade sexual. Rexistráronse este ano 5 agresións fronte ás 3 denunciadas nos primeiros meses de 2020.
E é moi significativo o aumento das estafas a través de tarxetas de crédito en toda a provincia. Estes delitos incrementáronse nun 114% respecto ao ano pasado. Por este motivo, a máxima responsable de seguridade en Pontevedra sinalou que este tipo de delitos prodúcese xa en todo o territorio, tanto en núcleos urbanos como no rural. E alertou á cidadanía para que tome conciencia da importancia de adoptar "todas as medidas de seguridade posibles á hora de realizar compras por Internet. Debemos ser moi cautos", sinalou Larriba.
Lembrou que non se deben facilitar nunca os datos persoais e bancarios en resposta a correos electrónicos, chamadas ou mensaxes. Á hora de realizar compras na internet tamén é importante comprobar que se desenvolven nunha páxina web segura, na que a dirección comece por https ou aparecer un cadeado pequeno antes desa dirección, estes sinais permiten garantir que a páxina é segura.
Os mandos policiais tamén recoñeceron ante a subdelegada o alto grao de especialización da ciberdelincuencia na actualidade. Son capaces de replicar páxinas de venda en liña, roubar datos desas páxinas e comercializar con eles. Para evitar sorpresas desagradables, a Subdelegación do Goberno recalca a importancia de actuar de maneira precavida á hora de realizar compras en liña.
Por outra banda, a subdelegada sinalou que a taxa de esclarecemento de delitos ofrece un crecemento interanual dun 13%, unha cifra que para Maica Larriba mostra o "bo facer e o arduo traballo das Forzas e Corpos de Seguridade".
Por localidades, Marín experimentou un descenso dos roubos en vivendas e establecementos do -36% e dos furtos e subtraccións de vehículos ou no seu interior do -20%. As estafas con tarxetas de crédito, débito ou cheques aumentaron nun 84% na localidade, que rexistrou un 15% de incremento interanual na taxa de esclarecemento de casos.
En Pontevedra tamén diminuíron os roubos con forza en vivendas, establecementos e anexos nun -59%. As subtraccións de vehículos baixaron a un -53%, mentres que as estafas con tarxetas a través de operacións telemáticas aumentaron nun 103%. A taxa de resolución de delitos aumentou nun 18% respecto a 2020.
No municipio de Vilagarcía de Arousa, tamén se rexistrou un descenso do -40% de roubos con forza en vivendas e locais, mentres que as estafas e a ciberdelincuencia aumentou nun 93%. O número de esclarecemento de delitos sitúase nunha liña similar á do ano anterior cun lixeiro descenso (-1%).
CUMPRIMENTO DA NORMATIVA COVID-19
Larriba explicou que os axentes policiais e a Garda Civil continuarán coas súas actuais campañas de información e supervisión das restricións vinculadas á crise sanitaria pola pandemia. Seguirán vixiando a normativa da hostalería vixente e, en concreto, no municipio de Mos o peche perimetral que se establece a partir deste sábado 29.
A subdelegada insistiu en solicitar á cidadanía que respecte as medidas e tome precaucións sanitarias para evitar retrocesos na desescalada.
Relacionadas:
-
RADIO.- 'ConéctaTEC' lémbranos que unha compra satisfactoria en liña pasa por unha compra segura
Por Redacción |
-
Os delitos contra a liberdade sexual baixan en Marín e Vilagarcía e mantéñense sen cambios en Pontevedra
Por Redacción |
-
Catro detidos por estafar desde Vilagarcía en compras nun 'market place' online
Por Redacción |
-
A Garda Civil de Sanxenxo investiga dous veciños de Bilbao por unha ciberestafa
Por Oskar Viéitez |
-
Os policías reclaman máis medios para loitar contra o preocupante aumento da ciberdelincuencia
Por Oskar Viéitez |
-
Cinco denuncias en Pontevedra por intentos de estafa en nome dunha empresa de paquetería
Por Redacción |
-
Identifican dúas persoas por estafar uns 50.000 euros a maiores de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Policía 'caza' o autor de máis de 50 estafas pola internet que lle reportaron 50.000 euros
Por Redacción |