Os ERE seguen a aumentar na comarca de Pontevedra
Por Diego Espiño
A sangría laboral segue aumentando en Pontevedra en 2012 a teor do estudo presentado polo sindicato UGT.
Dende o mes de xaneiro presentáronse na bisbarra 119 Expedientes de Regulación de Emprego (ERE), o que supón un incremento do 40% con respecto a 2011, no que se autorizaran 85 procesos similares.
Na maioría dos casos trátase de suspensións de contratos, seguidos de reducións de xornada e por último a extinción da relación laboral.
Dos 1.051 afectados 198 viron extinguidos os seus contratos, 666 suspendidos e 187 sufriron reducións de xornada
Este último caso é o que se atoparon 198 pontevedreses dos 1.051 afectados por regulacións, 666 traballadores viron suspendidos temporalmente os seus contratos e outros 187 sufriron reducións de xornada. En total hai un 154,5% máis de afectados que no mesmo período do pasado ano, no que 413 persoas estaban nesa situación.
O máis rechamante é o incremento experimentado no sector servizos, cun 500% máis de casos de suspensión temporal, o que para Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, se debe á baixada de consumo, "a hostalería e o comercio están a sufrir a situación dificultosa da industria, construcción e sobre todo da administración cos últimos recortes".
Os principais motivos que argumentan as empresas ante a inspección de traballo son económicos, moi por diante doutras causas técnicas, organizativas ou de produción, un claro síntoma, segundo Vidal, de como se debería actuar, "o gran dinamizador debería ser o apoio económico ás empresas, se continuamos con máis recortes e contención e non damos un impulso económico aos expedientes temporais acabarán sendo de extinción de contratos".
O concello máis afectado polos ERE é ata o momento Pontevedra, coa metade dos casos rexistrados na bisbarra, un total de 60, seguido de Marín con 18, Sanxenxo con 14 e Bueu con 11, moi por enriba de Poio, Vilaboa, Soutomaior, Barro, Moraña, Cotobade e Ponte Caldelas.