Pontevedra presumirá do 'son da rúa' nunhas Festas de Verán que arrancarán xa en xuño
Xa están aquí as Festas de Verán de Pontevedra. Con máis dun mes de antelación con respecto ao que vén sendo habitual, a cidade prepárase xa para máis de tres meses de actividades lúdicas, festivas e culturais nos seus espazos públicos.
Fronte ao lema elixido o pasado ano, "Pontevedra vívese", co que o goberno municipal buscaba animar aos pontevedreses para gozar da cidade tras un longo confinamento, nesta ocasión optouse por "O son da rúa".
A edil de Festas, Carme da Silva, explicou que en Pontevedra as rúas "non soan a coches", senón ás persoas que as habitan e, nos meses de verán, " soan moitísimo máis que nunca" xa que os sons intensifícanse con toda a actividade festiva da cidade.
Haberá que esperar aínda para coñecer a programación completa destas festas, pero o Concello quixo ofrecer este martes un "anticipo do que vai a vir", presentando os cinco ciclos que se desenvolverán ao longo do mes de xuño.
Serán máis de 25 grupos e compañías as que despreguen polo espazo público de Pontevedra propostas relacionadas co cinema, a música ou a narración oral. Será, ademais, cun formato similar ao do pasado ano, adaptado á normativa covid vixente en cada momento.
"Pontevedra deu exemplo de como a cultura é segura e que se poden facer actividades na rúa con total seguridade", destacou Da Silva, que avanzou que os primeiros ciclos serán con aforo limitado, público sentado e separado e control de acceso, entre outras medidas.
As Festas de Verán comezarán xa este xoves 3 de xuño co ciclo "Banda en pequeno formato". Cada xoves de xuño, ás 20:00 horas na Alameda, a Banda de Música de Pontevedra ofrecerá un concerto dunha das súas seccións.
"Audivisións" é a primeira das novidades deste ano. Trátase dun ciclo que fusionará cinema e música e que se desenvolverá nas Pistas de Campolongo os días 4, 5 e 6 de xuño. Cada cita será ás 22:30 horas, xa que non pode haber luz solar para ver ben a pantalla.
Así, proxectaranse as películas Hedwing and the Angry Inch (venres 4) e Sisters with Transistors (sábado 5) e o ciclo rematará o domingo 6 cunha sesión de improvisación visual e sonora a cargo dos grupos Colapso Jam e M8.
O Parque das Palmeiras será o escenario, pola súa banda, de "En clave local", unha proposta que, os días 11, 12, 18 e 19 de xuño, ofrecerá concertos de bandas emerxentes no panorama musical de Pontevedra. Cada xornada, as actuacións comezarán ás 19:00 horas.
Participarán neste ciclo Fuzz Faces, Skirl e Rodrigo Valiente (venres 11), SimpsonHead, Rancheras, Froalla, Haku e Faul (sábado 12), Malecho, Liberad al Kraken e Denova (venres 18) e Las Gringas, Flip Corale e Dr. Excepto (sábado 19).
O que regresa será "Sete Falares", o certame de narración oral. Farao cunha edición ampliada para compensar a súa ausencia do ano pasado, obrigada pola pandemia. Será do 18 ao 26 de xuño e desenvolverase en dous escenarios: a Alameda e a Praza da Pedreira.
Os narradores e as narradoras invitadas nesta ocasión, xunto cos organizadores Pavís Pavós, serán Paula Carballeira, Celso Fernández Samartín, Matrioskas, Charo Pita, Divas de Diván, Lois Pérez, Cris de Caldas, Miguel Horta, Antonio Fontinha, Sole Felloza, Martha Escudero e Eugenia Manzanera.
Xuño concluirá co ciclo "Música contada", outra das novidades das Festas de Verán. Trátase de concertos didácticos que se celebrarán entre o 28 de xuño e o 1 de xullo no palco de música da Alameda, ás 12:30 horas, e que estarán dirixidos ao público familiar.
Odaiko Sinfónico (luns 28), Xosé Lois Romero, Suso Vaamonde e os 24 instrumentos populares (martes 29), "A música das buguinas" con Mamá Cabra & Bellón Maceiras (mércores 30) e Suelen Estar Quartet (xoves 1) serán as catro propostas escénicas.
Relacionadas:
-
O jazz toma protagonismo nas Festas de Verán
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Na Praza da Curtidoira a cousa 'Vai de monólogos'
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A 'Voz de muller' de Amparanoia pon o ritmo a un caloroso sábado na Ferrería
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Comeza a 'Música contada', concertos didácticos para a familia no Palco da Alameda
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Sete Falares arranca baixo teito a súa edición máis extensa
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Catorce programas festivos para animar o verán en Pontevedra antes das Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
Os feirantes temen non poder instalar as súas atraccións este verán en Pontevedra
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Narradores de Galicia, Salamanca, Portugal e Latinoamérica no regreso ampliado de Sete Falares
Por Redacción |
-
A banda Dvicio e a orquestra París de Noia, pratos fortes das Festas do Carme
Por Redacción |
-
A música 'en clave local' resoará nas Palmeiras as dúas próximas fins de semana
Por Redacción |
-
Cinema musical e improvisacións inmersivas durante a fin de semana nas pistas de Campolongo
Por Redacción |
-
Non haberá cacharelas de San Xoán nos espazos públicos de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
As Festas de Verán comezarán en xuño cun formato modificable e na liña da programación de 2020
Por Redacción |