Alfombra vermella para o primeiro grupo de xubilados que chega a Vilanova de Arousa desde o inicio da pandemia
Por Anxo Lourido
Coma se fosen americanos na película 'Bienvenido, Míster Marshall' de Berlanga, unha comitiva municipal encabezada polo alcalde Gonzalo Durán recibía este martes o agardado autobús en que viaxaban os primeiros turistas en grupo que chegaban ao municipio desde o inicio da pandemia.
O alcalde, acompañado doutros representantes municipais, Policía Local, prensa e unha guía turística asistían a esta chegada esperada dos visitantes xubilados que forman parte do programa 'Elixe Galicia', que promove a Xunta de Galicia, para fomentar o turismo interior entre os diferentes territorios da comunidade autónoma fose da tempada estival. Un efusivo aplauso serviu para agradecer esta recepción.
Gonzalo Durán recoñecía que con esta iniciativa "estamos a facer o posible para recuperar a normalidade". Nesta ocasión, trátase de 35 persoas, procedentes das provincias da Coruña e Ourense que pasarán o día na vila visitando os seus diferentes espazos de atracción como Casa-Museo de Valle Inclán ou o Pazo de Vista Real, así como o Roteiro do Mar de Arousa e río Ulla. Recibiron tamén un libro sobre Valle Inclán e diferentes folletos informativos sobre a vila.
O alcalde sinala que con estas visitas queren promover a economía local e divulgar Vilanova para atraer a máis turistas nos vindeiros meses. Asegura que se está evolucionando neste momento coas vacinas de maneira rápida e iso permitirá aproveitar economicamente o verán. Indica que nos próximos días manterán máis reunións cos operadores de turismo para axudar ao secto, que é un dos que máis sufriu debido á pandemia. Durán asegura que as expectativas para este verán tanto en cámpings, hoteis como casas turísticas son boas xa que, segundo os datos que manexa, durante os últimos días creceu "moitísimo" a demanda.
Un hostaleiro que recibía aos visitantes na súa terraza afirmaba que a estes novos turistas "hai que poñerlles a alfombra vermella" porque permiten reactivar a economía local despois de máis dun ano moi difícil.
Desde esta xornada ata o 30 de xuño e a partir do 1 de setembro ata finais de ano visitarán a vila arousá entre un e tres autobuses á semana con turistas de Galicia. Neste programa tamén se atopan Sanxenxo e O Grove.
Relacionadas:
-
Fitur premia o audiovisual 'Sigue o teu instinto' da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación anima en Fitur a "recuperar a felicidade" visitando as Rías Baixas "un lugar que enamora"
Por Oskar Viéitez |
-
'É o teu momento', a campaña de experiencias únicas que Rías Baixas levará a Fitur
Por María José Pita |
-
A Xunta reactiva o programa Elixe Galicia, que comezará as viaxes a partir do vindeiro 30 de maio
Por Oskar Viéitez |