Traballadores con síndrome de Down logran a súa inserción laboral a pesar da crise
Por Oskar Viéitez
Dende o ano 2002 a asociación Xuntos-Sindrome de Down Pontevedra está a levar a cabo un programa baseado na Metodoloxía de Emprego con Apoio. O Programa ten como finalidade a inserción laboral de mozos con Síndrome de Down e outro tipo de discapacidade intelectual na empresa ordinaria como un medio para conseguir unha plena inclusión (no ámbito social, familiar, persoal...) e unha vida autónoma.
O presidente desta asociación, Manuel Pérez Cabo, mostrou este venres a súa "grata sorpresa" porque "a pesar da crise" este programa segue sendo eficaz.
E sinalou como exemplo que dende a pasada semana outros dous membros da asociación contan cun posto de traballo. Segundo el, moitos dos alumnos do centro son contratados por empresas entre as cales citou supermercados, o BBVA ou a Deputación.
Pérez Cabo explicou que Xuntos-Pontevedra atende a 100 persoas afectadas pola síndrome de Down, das cales 80 son usuarios diarios do centro que conta con 14 traballadores estables.
Xuntos-Pontevedra atende a 100 persoas afectadas pola síndrome de Down, das cales 80 son usuarios diarios do centro que conta con 14 traballadores estables
Perez Cabo acudiu este venres á Deputación de Pontevedra, para asinar co presidente provincial, Rafael Louzán, un convenio de colaboración entre ambas as dúas institucións polo que o organismo provincial achega 15.000 euros para o desenvolvemento do proxecto de Xuntos de Estimulación da linguaxe oral a través dun equipo multidisciplinar.
O proxecto vai destinado ás persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual, para conseguir que poidan desenvolver ao máximo as súas capacidades comunicativas, as súas relacións sociais e, en xeral, mellorar a súa calidade de vida.
Louzán explicou en rolda de prensa que esta institución pontevedresa é "un modelo de actuación e un exemplo de colaboración cunha entidade similar de Vigo que facilita o traballo e o apoio da Deputación cara a elas". Pola súa banda, o presidente de Xuntos-Pontevedra indicou que o presuposto anual da asociación é de 200.000 euros financiados no seu 80% polas Administracións e o resto polas achegas dos socios e recadación de actividades.
Ademais a deputada Marta Iglesias, que tamén participou no acto, explicou que a Deputación non só mantivo, a pesar da crise, os apoios a este tipo de colectivos senón que aumentou en 300.000 euros este tipo de axudas a Ong's e entidades sen ánimo de lucro para incentivar a contratación laboral dos discapacitados.