Candeas e outras cousas...
Por Oskar Viéitez
Sobrevivindo ao tempo e ao cambio cultural atopamos en Pontevedra á Cerería San Román.
Foi a primeira cerería que existiu en Galicia e agora, que xa non está de moda poñerlles candeas aos santos, continúa coa súa actividade frenética ante a festividade de Todos os Santos.
Detrás do mostrador aténdenos Joaquín Diéguez, el representa á cuarta xeración dunha saga familiar que se adica a fabricar candeas desde fai máis dun século.
A tenda está en Pontevedra pero a fábrica está situada en Pontecesures. Alí séguense facendo os cirios pola vella, con cera de abella, puídas a man e usando ferramentas centenarias como o noque e as planchas orixinais.
Deses moldes atopamos na tenda as cabezas, pernas, brazos e demais exvotos que despois os fieis mercan en romarías e procesións na procura do favor do ceo.
Agora que as igrexas prohiben as candeas ardentes podería pensarse que o negocio vai a menos, sobre todo si sumamos a competencia dos bazares chineses, pero Galicia séguese mantendo como a comunidade que máis cera consome de toda España "a nosa clientela é bastante fiel".
Ademais Joaquín diversificou o produto. Ademais de "la vela de toda la vida" cirios para actos litúrxicos e a imaxinería relixiosa na tenda da rúa San Román atopámonos con elementos decorativos, esoterismo, ata artigos eróticos.
Xa saben aquilo de poñer unha candea a Deus e outra ao diaño o caso é que compren candeas.