Accidente múltiple entre dous turismos e un camión na AP-9 en Barro
Por Redacción
Tres vehículos víronse implicados na tarde-noite deste martes nun accidente múltiple na autoestrada AP-9. Non houbo que lamentar danos persoais, pero si materiais e foron necesarias tarefas de mantemento na vía.
Segundo a información facilitada polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, o sinistro sucedeu sobre as 20.30 horas da tarde e alertou do mesmo un particular.
Sucedeu na autoestrada AP-9, á altura do punto quilométrico 118, no concello pontevedrés de Barro, e víronse implicados dous turismos e un camión.
O 112 puxo os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ribadumia e da Garda Civil de Tráfico que, posteriormente, confirmaba que non houbo que lamentar danos persoais.
Para manter e restablecer a seguridade da vía, os xestores do CIAE 112 Galicia informaron ao Centro de Xestión de Tráfico e aos servizos de mantemento da estrada.