Máis dun milleiro de elementos protexidos aparecerán no novo Catálogo municipal de Patrimonio
Por Anxo Lourido
A Comiisión de Urbanismo tiña coñecemento do documento inicial estratéxico e borrador do proxecto de revisión e actualización do Catálogo municipal dos elementos que deben conservarse na cidade e no rural, ademais da solicitude do inicio de avaliación ambiental estratéxica. Este traballo execútao a Unión Temporal de Empresas (UTE) Cartafol.Arc cun prazo de execución de 15 meses.
Segundo informaba Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo, nesta primeira fase vai elaborarse un borrador do catálogo e o documento inicial estratéxico. Recóllense 388 elementos nos que se inclúen menos de 200 que xa aparecen no catálogo en vigor, do ano 1994, e os que se recollen en catálogos elaborados pola Xunta de Galicia.
Tamén se achegou á empresa un catálogo que se elaboraba con motivo do Plan Xeral de ordenación que se tramitou no seu momento pero que aínda non foron tidos en conta porque faltaban traballos de campo, que levarán a cabo na seguinte fase. O concelleiro calcula que os elementos catalogados serán máis de mil no documento definitivo.
Segundo Xaquín Moreda, o catálogo actual é reducido porque quedan numerosos elementos de patrimonio etnográfico sen recoller que se incluirían e elementos de arquitectura industrial e contemporánea que tamén aparecerán recollidas no documento. A aparición no catálogo conleva algún grao de protección para ese edificio ou outro elemento patrimonial.
O concelleiro afirmou que desde o ano 1994 ata a actualidade se descubriron numerosos petróglifos no municipio, que deberán incluírse. Ademais, apuntou que queren mellorar os datos sobre a localización exacta destes elementos e contornas de protección no proxecto para ofrecer seguridade xurídica aos lindeiros, adaptándose tamén á lei de Patrimonio actual. Tamén se incluirán zonas relacionadas co Camiño de Santiago nas que se recollen elementos con posibilidades de figurar no catálogo, material que non era recollido no catálogo anterior.
O equipo redactor solicita agora á Xunta de Galicia que se desenvolva unha avaliación ambiental simplificada ao entender que se trata dunha modificación menor do Plan porque só ten incidencia nos bens de Patrimonio Cultural e nas contornas de protección, zonas acoutadas de reducida extensión e con escasa incidencia no Medio Ambiente e, ademais, non constitúe un marco para futuros proxectos porque está definido pola normativa urbanística do Patrimonio Cultural en vigor.
Se a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acepta esta opción quedarán reducidas as fases de elaboración do proxecto e elaboraríase o informe ambiental estratéxico para a aprobación inicial con separatas para informes sectoriais, segundo explicou Moreda. Despois quedaría a exposición pública con tres tipos básicos de alegación: catalogación de elementos, descatalogación ou modificación do nivel de protección.
Nesa fase tanto asociacións como persoas interesadas poderían achegar elementos susceptibles de catalogación que serían estudados polo equipo redactor. Xa na terceira fase realizaríanse os informes e a proposta final de catálogo.
Relacionadas:
-
O avance do novo catálogo do Concello de Pontevedra rexistra máis de mil elementos a conservar só no rural
Por Redacción |
-
A revisión e ampliación do catálogo de elementos a conservar de Pontevedra, un traballo de 15 meses que xa pode empezar
Por Redacción |
-
Pontevedra protexerá o seu patrimonio industrial e a arquitectura contemporánea
Por Alejandro Espiño |