Excedente arbóreo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro enriquecerá o Parque de Riomaior
Por Redacción
O Parque de Riomaior tamén denominado parque público Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo acollerá en breve especies arbóreas que serán cedidas pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, organismo pertencente á Deputación de Pontevedra.
Este parque atópase rodeado polo río Maior, límite natural entre as parroquias de Santa Cristina e San Andrés de Cobres. Este espazo linda coa beira da Zona Especial de Conservación Enseada de San Simón, pertencente á Rede Natura 2000. Ademais, tamén o CEP de Riomaior está situado nunha zona próxima e isto permitirá que o alumnado do centro poida aumentar os seus coñecementos de botánica sobre especies procedentes de diferentes puntos do planeta.
O Concello de Vilaboa escolleu dez especies diferentes de árbores para a súa plantación neste parque. Entre os criterios de selección atenderon á representatividade da súa rexión de orixe, o seu estado de conservación, singularidade, rareza, variación cormática segundo a estación do ano e importancia cultural.
En vindeiras semanas poderán observarse neste Parque de Riomaior exemplares das especies acer palmatum, araucaria angustifolia, cornus capitata, cyathea cooperi, erythrina crista- galli, liquidambar styraciflua, melaleuca styphelioides, picea abie, thuja plicata e woodwardia radicans, segundo informa o goberno local.