O plan de Sanidade para o lecer nocturno: prohibido bailar e abertos ata as dúas da madrugada
Por Alejandro Espiño
Tras máis de nove meses sen actividade -levan pechados desde o 14 de agosto do ano pasado-, o sector do lecer nocturno dá pasos cara á ansiada reapertura. O Ministerio de Sanidade propuxo que estes locais poidan abrir ata as dúas de madrugada durante este verán.
Sería, iso si, naqueles lugares onde a incidencia da pandemia estea situada en nivel baixo ou medio, é dicir, onde non se superen os 150 casos por cada 100.000 habitantes.
O borrador do protocolo deseñado polo Goberno, que será consensuado coas comunidades autónomas e que se espera que sexa de obrigado cumprimento, detalla ademais unha serie de medidas restritivas no funcionamento destes locais.
Así, o interior de pubs e discotecas non poderá superar o 50% do aforo permitido e non se poderá bailar. Os locais deberán instalar mesas para que a xente estea sentada, sempre coa máscara posta, e cun máximo de seis persoas reunidas.
Nos espazos exteriores, o aforo poderá ser do 100% pero mantendo distancia de seguridade entre as mesas, que poderán ser ocupadas por un máximo de dez persoas.
Ademais, os responsables dos establecementos deberán levar un rexistro dos asistentes para que, no caso de que se produza un brote de covid-19, se poida rastrexar aos posibles contactos que poidan contraer o virus.
Con respecto a esta proposta, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, entende que se trata dunha medida que vai "na boa dirección" e que debe ser "perfilada" entre Sanidade e as comunidades autónomas.
"Valorámolo positivamente", sinalou Núñez Feijóo, xa que defendeu que "é necesario" que este sector poida retomar a súa actividade "con cautela", establecendo as condicións para que poidan facelo con seguridade.
Relacionadas:
-
O comité clínico estudará ampliar os límites ás reunións e ir "avanzando en un ocio al aire libre con más gente"
Por Oskar Viéitez |
-
La Pomada ensaiará a reapertura do lecer nocturno o 12 de xuño e cun aforo do 50%
Por Manu Otero |
-
Un ano sen lecer nocturno en Pontevedra: os primeiros en pechar, os últimos en abrir
Por Manu Otero & Mónica Patxot |