Deputación e Concello estudan conectar peonalmente a Ponte das Correntes con Domingo Fontán
Por Oskar Viéitez
Técnicos da Deputación e municipais están a traballar no deseño dun anteproxecto para a construción dunha senda peonil que enlace o paseo que chega ata a Ponte das Correntes co nó de Bombeiros e a súa continuación cara A Barca e Poio. Se trata dun treito de escasos 200 metros pero que resulta básico, xa que é fundamental para conectar Pontevedra e Poio.
Este treito é utilizado por numerosas persoas que van tanto cara a Comandancia da Garda Civil, como cara Poio ou A Barca e que carecen de espazo peonil para desprazarse, o que os obriga a transitar practicamente pola estrada.
O presidente da Deputación; Rafael Louzán, apuntou que agarda que o anteproxecto estea listo axiña para que se poida comezar a execución das obras, incidindo en que será preciso contar coa "colaboración de todos", dado que non está claro cal é a titularidade deste treito de vía.
ADECENTAMENTO DA ZONA
Dúas brigadas da Deputación está a traballar no acondicionamento e mellora da explanada situada xunto ás instalacións de Bombeiros e da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
Segundo comunicou o presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, o obxectivo é adecentar esta área, situada xusto á entrada da cidade e que na actualidade se atopa "nun estado lamentable" coa "maleza que se come boa parte do recinto".
O presidente da Deputación incidiu en que se trata dunha actuación necesaria, porque esta área é utilizada por miles de persoas cada día, e que vén a completar o acondicionamento exterior da Comandancia que xa a Deputación fixera no seu momento co asfaltado da zona.