O PP tacha de insuficiente e partidista o plan da Deputación para reactivar a provincia
Por Manu Otero
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O grupo provincial do Partido Popular critica o novo plan de investimentos da Deputación de Pontevedra, ReacPon. Desde a oposición temen que o programa se empregue para repartir os fondos entre concellos gobernados por PSOE ou BNG e poñen como exemplo plans anteriores como Reequilibrio ou Deporemse, "que entre 2017 e 2018 repartiron 7 de cada 10 euros" entre concellos do mesma cor política que o goberno provincial.
Acompañado polas deputadas Paz Lago e Carmen Amoedo, o portavoz do grupo popular, Jorge Cubela, cualificou a iniciativa como "unha oportunidade perdida para todos os concellos. Un plan anticoncellos que deixa fóra a uns poucos".
Asegura o popular que baixo o criterio de proxecto maduro, a Deputación repartirá os 20 millóns de euros do plan de reactivación económica da provincia entre gobernos afíns. Na oposición consideran imposible redactar un proxecto que alcance a máxima puntuación no prazo de dous meses, que é o que prazo concedido pola Deputación. E engade que outros Concellos tiñan información sobre este plan de axudas e xa puideron adiantar traballo.
"Nin haberá cohesión territorial, nin loita contra o despoboamento nin igualdade, porque hai concellos que teñen a información desde decembro e xa adiantaron traballo para conseguir eses proxectos maduros, proxectos que xa teñen que estar aprobado polo órgano competente e mesmo publicada a licitación. Os concellos que a estas alturas non teñan os permisos sectoriais dificilmente van chegar", sostén o rexedor de Cerdedo-Cotobade.
Por iso, desde a oposición piden que a repartición de fondos se faga seguindo os mesmos criterios que o Plan Concellos, que cada municipio reciba unha cantidade fixa de diñeiro atendendo a criterios poboacionais e de extensión para financiar os proxectos que os gobernos locais decidan.
CARLOS FONT: "SON ACUSACIÓNS INFAMES DUNHA GRAVIDADE INSOPORTABLE"
Non tardou en responder o deputado provincial do Partido Socialista Carlos López Font a estas acusacións. O portavoz do grupo do PSdeG-PSOE afirma que "a Jorge Cubela só lle cabe retractarse publicamente das súas palabras e pedir desculpas, ou presentar as probas das infames acusacións que fixo e que son dunha gravidade insoportable".
Segundo indica, o Plan ReacPon é o programa de investimento público máis ambicioso da historia da Deputación cunha cifra de 20 millóns de euros que se destinará aos concellos da provincia.
Por este motivo, o portavoz socialista manifesta a súa indignación co grupo popular: "minten cun descaro que non se pode consentir, non todo vale, basta xa". Afirma que ninguén podía coñecer as bases do Plan con anterioridade ao pleno en que foron aprobadas e "Cubela sábeo", indica Font. Ademais, lémbralle que a primeiros de 2021 o goberno da Deputación informou en convocatoria de reunión pública con todos os municipios para que prepararan proxectos maduros para aspirar a fondos europeos.
Asegura que hai exemplos claros de concellos do PP que fixeron os deberes e xa expresaron publicamente os proxectos que queren presentar ao ReacPon. "Tamén estaban avisados?", pregunta Font.
Aproveitou para instar o presidente do PP na provincia e vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda a "cesar con este modelo político arribista e de cloaca, que xa practicaron co bipartito" para afirmar que a Xunta si realiza convocatorias a medida e concede subvencións a dedo aos concellos onde goberna o Partido Popular.
Relacionadas:
-
Poio pedirá fondos do Plan ReacPon para a reactivación post covid-19 para mellorar a mobilidade en San Salvador
Por Redacción |
-
Investimentos de máis de 4 millóns de euros da Deputación en política social para facer fronte á crise
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra é a provincia que máis compromisarios achega ao congreso do PP de Galicia
Por Redacción |
-
Os concellos poderán presentar proxectos ao Plan ReacPon da Deputación desde este 2 de xuño
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O pleno da Deputación dá luz verde ao plan de investimento público "máis ambicioso da historia da institución"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación activa un plan con 20 millóns de euros destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación presenta o maior investimento da súa historia para "reactivar a provincia"
Por Oskar Viéitez |