O PP sinala ao goberno municipal como "únicos responsables" da situación dos chalés de Chancelas
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Para o Partido Popular de Poio os "únicos responsables" da situación legal na que se atopan os oito chalés da urbanización Mar de Tambo, en Chancelas, cunha sentenza de derriba pendente, son o BNG e o PSOE polos permisos que lle concederon aos promotores.
A edil Rocío Cochón afirma que o goberno municipal deu licenza para este proxecto inmobiliario "ignorando os informes dos técnicos e as advertencias da oposición".
Ademais, engade que o Concello non paralizou a obra pese a existir varias ordes e ignoraron os avisos de distintas administracións sobre a situación desta urbanización cando "xa era evidente" que o asunto acabaría nos xulgados.
"Todo isto é consecuencia da peor xestión urbanística, a que leva perpetrando o BNG no noso municipio coa complicidade do PSOE, e as vítimas deste urbanismo son os veciños de Poio", sinala a concelleira do PP.
Cochón censura polo tanto a "representación teatral" coa mostra de apoio de nacionalistas e socialistas aos afectados porque "deberían facerse responsables dos seus actos e decisións e actuar con coherencia, non facéndose os despistados".
VERSIÓN DO PSOE
O PSdeG-PSOE de Poio emitía un comunicado lamentando a pretensión do PP de "buscar rédito político e desgaste no Goberno local aproveitándose dun problema que afecta a familias con crianzas".
Gregorio Agís, portavoz do grupo socialista, respondía aos populares acusándoos de "mentir de forma descarada" e entende que é algo "especialmente grave" ao tratarse dunha situación que afecta a varias familias que se poden ver sometidas a un proceso de derrubamento por parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), que depende da Xunta de Galicia.
Lembra que o PSOE, cando se aprobou a licenza da urbanización en 2001, non formaba parte do goberno local e que esa aprobación contou co voto favorable do Partido Popular, tanto neste caso como en todos os desenvolvementos urbanísticos.
Para Agís resulta tamén sorprendente que o PP cargue agora "tintas contra o Concello" cando as familias afectadas anuncian publicamente a súa pretensión de reunirse coa Consellería de Medio Ambiente para intentar buscar unha solución a esta polémica da urbanización Mar de Tambo, situada en Chancelas. Entende que este tipo de actuacións reflicte que "para Ángel Moldes e compañía, as siglas están por encima da veciñanza", indicou o representante socialista.
Relacionadas:
-
Afectados da urbanización Mar Tambo reclaman "o mesmo trato que Ence"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O construtor dos chalés de Mar de Tambo afirma que "soy víctima de la mala actuación de las tres administraciones"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O Concello de Poio oponse á derriba de 8 chalés en Chancelas
Por Redacción |
-
Piden ao Concello que organice unha mobilización veciñal contra a derriba de 8 chalés en Chancelas
Por Oskar Viéitez |
-
Os propietarios dos chalés de "Mar Tambo" convocan unha protesta contra os desafiuzamentos
Por Oskar Viéitez |