O Mercado estrea un novo dispositivo para controlar o aforo en tempo real
Por Redacción
O Mercado de Abastos de Pontevedra dispón desde este xoves dun punteiro sistema informático de control de aforo e cálculo de persoas con visualización en tempo real. Instalado pola firma especializada en seguridade corporativa Almas Industries, os contadores están visibles nos accesos principais das rúas Sierra e Avenida de Bos Aires.
A concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, destinou máis de 7.000 euros a dotar á praza desta tecnoloxía, dotada de cámaras con sensores, monitores de aforo e un software específico de xestión que proporciona unha precisión do 95 % e unha área de derección de ata dous metros.
"É unha moderna ferramenta, que permitirá cumprir estritamente con todas as restricións desta nova normalidade e converter a Praza nun espazo absolutamente seguro, axudando a previr aglomeracións e achegando moita tranquilidade a traballadores e clientes. A través dos monitores instalados nas portas de acceso podemos obter información do número de xente que hai no interior e do número de persoas ás que está permitido o acceso en función do aforo, que nestes momentos é de 200 persoas. Un semáforo indicaranos se podemos pasar, cando a cor está en verde, ou se debemos agardar, cando está en vermello. Asemade, o sistema computa tamén o número total de saídas e entradas que se produciron ao longo da xornada", explica a edila que acudiu ao lugar para comprobar o funcionamento do dispositivo.
Co obxectivo de velar polo cumprimento estrito da normativa de aforos, "durante as fins de semana e vésperas de festivos pecharanse as portas de acceso laterais, de xeito que neses días nos que se pode producir unha maior afluencia de público exista un control aínda máis exacto", declarou Blanco.