As bicicletas son para o verán e para o campus
Por Redacción
O Día Internacional da Bicicleta celébrase este xoves 3 de xuño e o campus de Pontevedra quixo conmemoralo coa colaboración do Grupo Deportivo Supermercados Froiz. Representantes deste club pontevedrés, o director deportivo Evaristo Portela e José Luis Barros, mecánico da entidade, achegábanse ata o exterior da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte con dúas bicicletas de competición.
Neste espazo informaron a integrantes da comunidade universitaria sobre as características, posibles arranxos e axustes para utilizar correctamente estes vehículos ecolóxicos. Portela destacou a importancia de que a bicicleta se atope adaptada á altura e constitución física da persoa que a utilice.
Carlos Souto, director do Campus Crea e Green Campus, explicaba que o obxectivo desde a Universidade de Vigo para o campus pontevedrés é que cada día máis persoas pensen na bicicleta como medio de transporte, xa que encaixa no labor de educación ambiental do proxecto Green Campus, que fomenta a práctica da actividade física e a promoción de hábitos positivos para a saúde, ademais da defensa do medio ambiente, segundo recolle Eduardo Muñiz no DUVI.
Evaristo Portela sinalou que é necesario participar neste tipo de iniciativas dirixidas a fomentar hábitos saudable entre a poboación máis nova. O director do Súper Froiz afirmou que as vendas de bicicletas en España aumentaron un 45% durante o último ano coincidindo coa pandemia.
Aquelas persoas que se desprazaron ata o campus en bicicleta recibiron durante esta xornada unha camiseta de agasallo. Carlos Souto lembrou que o campus dispón dun carril-bici que se atopa conectado coa cidade, que ademais ofrece un espazo ideal para o uso deste medio de transporte. O acceso á Facultade de Ciencias dá Educación e do Deporte conta tamén cunha estación de reparacións para estes vehículos.
Ao mesmo tempo, a Universidade expuxo algunhas bicicletas para que sexan utilizadas pola comunidade universitaria de forma gratuíta, sempre que cumpran cunha serie de requisitos.
Relacionadas:
-
O campus pon en marcha un servizo de préstamo de bicicletas
Por Redacción |
-
A Uvigo compite nun reto global por lograr unha mobilidade sostible
Por Redacción |
-
Máis humanización no campus: 'skate-park', punto de recarga de coches eléctricos e un novo ximnasio
Por Alejandro Espiño |
-
O campus estrea unha estación de reparación de bicicletas
Por Redacción |
-
O campus súmase a un programa dirixido a fomentar o deporte ao aire libre
Por Redacción |