Asalta dúas farmacias na mesma tarde reclamando un bote de 50 e 60 euros
Por Natalia Puga
Un veciño de Poio asaltou nesta tarde dúas farmacias do centro de Pontevedra. A súa primeira incursión foi nun establecemento da rúa Benito Corbal e frustrouse porque entraron clientes. A segunda foi en Loureiro Crespo e non chegou a consumala porque había cámaras de seguridade.
O home, de 42 anos e con antecedentes policiais, foi detido pola Policía Nacional como autor dun delito de roubo con intimidación, segundo informaron dende a Comisaría Provincial.
A primeira alerta das súas accións chegou á Comisaría Provincial a través da chamada telefónica do dono dunha farmacia de Loureiro Crespo. Chamou ás 17.30 horas deste luns 29 de outubro alertando de que estaba a ser vítima dun roubo con intimidación.
Unha patrulla policial desprazouse ao lugar e interceptou ao suposto autor do roubo na mesma beirarrúa do local. Os axentes identificáronlle e detiveron no acto e posteriormente tomaron declaración á súas presuntas vítimas.
Ao parecer, instantes antes o individuo accedera ao local esixindo que lle desen 60 euros. Ante a negativa dos empregados comezou a proferir ameazas con destruír o local, alzando a man cun obxecto para intimidar os presentes.
O individuo comezou a berrar afirmando que se non lle daban o diñeiro alguén sairía ferido, se ben ante a advertencia dunha das empregadas de que existían cámaras no interior do local que lles estaban a gravar saíu fuxindo do lugar.
Unha vez que empezaron a investigar o detido, os axentes descubriron que intimidara momentos antes á encargada doutro local da rúa Benito Corbal, á que lle esixiu 50 euros de forma ameazante. Ao acceder varios clientes ao establecemento desistiu da súa actitude e abandonou o lugar sen conseguir o seu obxectivo.