Múltiples iniciativas na comarca para conmemorar o Día Mundial de Medio Ambiente
Por Redacción
Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, o Concello decidiu volver a sacar á rúa a carpa da campaña municipal de compostaxe. Foi para activar unha segunda xornada informativa, divulgativa e de concienciación sobre este sistema de tratamento dos residuos orgánicos.
A carpa, situada na praza da Peregrina, busca informar a todos os veciños e veciñas de Pontevedra que estean interesados en coñecer como participar nalgunha das modalidades de compostaxe que o Concello ten activadas.
Ás persoas interesadas tamén se lles entregará un saquiño de compost e unha planta aromática de uso culinario (alfabaca, hortelá, romeu, menta, salvia, ourego, coandro, melisa, lavanda, santolina ou tomiño).
VISITA ÁS SALINAS DE ULLÓ
Unha visita ás Salinas de Ulló, acompañada polo alcalde de Vilaboa, César Poza, foi o xeito no que a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, conmemorou este Día Mundial do Medio Ambiente, dedicado este ano á restauración dos ecosistemas.
A este respecto, Larriba destacou que este enclave natural é un exemplo de recuperación e protección duns ecosistemas "fráxiles e de alto valor".
Nas Salinas de Ulló, espazo que forma parte da Rede Natura 2000 e recuperado pola Dirección Xeral de Costas, conviven catro ecosistemas -o bosque de ribeira, a carriceira, a marisma e a enseada-, sendo ademais o fogar de numerosas aves, bivalvos e peixes.
INICIATIVAS DA DEPUTACIÓN
Pola súa banda, a Deputación programou unha serie de actividades para este Día Mundial de Medio Ambiente, que supoñerá o lanzamento de varios programas cos que a institución provincial quere animar á cidadanía a reconectar coa natureza.
Así, o sábado 12 xuño arrancará a iniciativa "Bosques terapéuticos", unha actividade que conxuga os beneficios para a saúde deste contacto coa natureza a través de todos os sentidos, coa interpretación da historia e o patrimonio que albergan estas contornas da provincia.
Visitaranse nove espazos naturais da provincia, entre eles Cabo Udra (Bueu), os Salóns do Lérez (Pontevedra), a Ruta da Pedra e da Agua (Meis) ou a Senda de Almofrei (Cerdedo-Cotobade). Será todos os sábados e domingos e nos meses de xullo e agosto, tamén os venres.
O día 20 comezará a cuarta edición do programa "Voando nas Rías Baixas", as rutas ornitolóxicas gratuítas que desenvolve coa colaboración de SEO Birdlife, para dar a coñecer a riqueza da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos.
Haberá cinco rutas polas Brañas de Xestoso (Silleda, Forcarei e A Estrada), pola Serra do Cando (Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama e Beariz), polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove, Sanxenxo, Meaño e Cambados), pola Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa) e polo Esteiro do Río Miño (A Guarda) e Foz da Ramallosa (Nigrán e Baiona).
Ademais, a Deputación sumarase o 12 de xuño á xornada "Proxecto Libera", promovida por SEO/Birdlife en alianza con Ecoembes baixo o lema "1m² contra a basuraleza" e que consiste nunha mobilización a nivel nacional para recoller lixo nas contornas naturais.
O obxectivo deste encontro é intentar reducir o lixo e residuos que hai na natureza ata cero, así como tipificar e caracterizar o tipo de residuos recollidos nestes puntos mediante unha metodoloxía estandarizada. Será na contorna de Praia Maceira, no concello de Covelo.
Relacionadas:
-
Sanxenxo e SEO Birdlife unen forzas para a conservación e divulgación do humidal do complexo intermareal Umia - O Grove
Por Redacción |
-
Vilaboa explota o interese turístico das Salinas do Ulló con visitas guiada en agosto
Por Redacción |
-
Escolares plantan árbores para conmemorar o Día do Medio Ambiente
Por Redacción |
-
Obradoiros escolares sobre reciclaxe e boas practicas ambientais para celebrar o Día do Medio Ambiente en Caldas
Por Redacción |