A fogueira pública de Cantodarea volverá prenderse neste San Xoán
Por Redacción
San Xoán volve marcado polas circunstancias sanitarias a Marín pero a vila manterá esta celebración de recibimento do verán. Este venres, a concelleira Marián Sanmartín explicaba que se prenderán varias fogueiras públicas coma a do foleón de Cantodarea, que organiza a Asociación de Amijos e Vesiños de Cantodarea asi coma as doutros colectivos veciñais. Os representantes mantiveron un encontro coa concelleira de Medio Ambiente e tamén coa de Turismo Cristina Acuña para establecer os criterios da organización deste evento.
Esta fogueira de carácter público iniciarase ás 00.00 horas da noite de San Xoán, o 24 de xuño, adoptando todas as medidas de seguridade, con controis policiais específicos para evitar aglomeracións e coa prohibición de instalar postos de comida. Desta forma, non se poderán asar sardiñas nin outro tipo de alimento, salvo nos establecementos de hostalería.
O Concello tamén autoriza a realización de fogueiras en recintos privados con determinadas normas. Estará prohibido levar a cabo cacharelas sobre as vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes, do mesmo xeito que baixo tendidos eléctricos ou telefónicos. Deberán gardar unha separación mínima de 12 metros coa vexetación, casas e edificios máis próximos e a altura non poderá superar os 14 metros mentres que o diámetro da zona de combustión será de 6 metros de ancho.
Só poderá utilizarse como material combustible leña, ramas, troncos de árbores ou calquera outra madeira. Queda prohibido, como é habitual, o uso de materiais inflamables como pneumáticos, plásticos, latas, botellas ou materiais de PVC. Tampouco se poderán queimar aerosois, aceites, líquidos combustibles e outras substancias explosivas.
As persoas que asistan non se poderán situar nunha zona de diámetro similar á altura do pau central da fogueira. Queda prohibido prender lume nas praias do municipio.
As persoas que organizan estas celebracións deberán ter os teléfonos de contacto para actuar en caso de accidente. O teléfono de emerxencias é o 112. Ademais, as persoas solicitantes deberán responsabilizarse do cumprimento das normas establecidas en relación coa covid-19.
Para tramitar a solicitude deberán encher un formulario que se atopa na web municipal e presentalo a través da sede electrónica ou de maneira presencial, solicitando cita previa. O prazo para presentar as solicitudes ábrese o luns 7 e conclúe o 21 de xuño.