Entra en vigor a orde "de obrigado cumprimento" do Ministerio coas restricións á hostalería e ao lecer nocturno
Por Oskar Viéitez
O Boletín Oficial do Estado publica este sábado a orde asinada pola ministra de Sanidade Carolina Darias coas restricións ao lecer nocturno e a hostalería acordadas polo Consello Interterritorial de Saúde lembrando que son medidas de obrigado cumprimento desde este momento de entrada en vigor.
Estas medidas saíron adiante co voto en contra de Galicia, Madrid, Murcia, Andalucía e Cataluña e a abstención de Castela e León. Euskadi non participou no debate.
A orde establece que o lecer nocturno poderá reabrir ata as 2, ampliable ás 3 en Galicia por estar a nosa comunidade fose do nivel risco epidemiolóxico.
O consumo de bebidas e alimentos nestes locais, tanto en interiores como exteriores, farase sentado, debendo asegurarse o mantemento da debida distancia de seguridade un mínimo 1,5 metros entre as cadeiras de diferentes mesas.
Non se poderán superar o 50% de aforo máximo no interior do local. As terrazas ao aire libre destes establecementos poderán ocupar a totalidade das mesas permitidas sempre asegurando a distancia entre mesas antes mencionada.
As mesas terán un límite de 6 persoas en interior e de 10 persoas en exterior
Respecto a os establecementos de hostalería, restauración e terrazas, así como nos bares e restaurantes de praia, en Galicia permítese a metade do aforo no interior, "podéndose incrementar nun 10% se se aplican medidas que garantan un alto nivel de ventilación e control da calidade do aire ".
Nas terrazas ao aire libre poderanse ocupar a totalidade das mesas permitidas debendo asegurarse o mantemento da debida distancia de seguridade un mínimo 1,5 metros entre as cadeiras de diferentes mesas.
Permítese o servizo e consumo en barra, mantendo a distancia antes mencionada. As mesas terán un límite de 6 persoas en interior e de 10 en exterior.
Como máximo estarán abertos ata a 1 e deixarán de servir ás 24:00 horas.
Ademais, as comunidades están obrigadas a implementar a campaña de vacinación seguindo a estratexia aprobada pola Comisión de Saúde Pública e deberán prohibir fumar na vía pública ou en espazos ao aire libre cando non se poida respectar unha distancia mínima interpersoal de 2 metros, incluíndo calquera outro dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas ou similares.