Sanxenxo incrementa a súa capacidade de aloxamento con 97.612 prazas para visitantes
Por Redacción
A celebración en Sanxenxo do Foro Turístico Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal foi unha boa ocasión para achegar un pouco de claridade sobre cantas persoas chegan a pernoitar en Sanxenxo nos meses máis fortes do verán. Un asunto moi comentado nos anos previos á pandemia porque se bateron todos os récords de ocupación turística.
Segundo o Concello de Sanxenxo nos meses de verán pernoitan neste municipio 115.343 persoas.
A cifra obtívose das informacións reportadas polo Instituto Nacional de Estadística e o Instituto Galego de Estatística, xunto aos datos facilitados polo Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo ( CETS) e a Asociación de vivendas turísticas de Galicia ( Aviturga).
O Concello lembra que a esta cifra hai que engadir os miles de persoas doutros concellos, especialmente a capital, que se desprazan a diario ás nosas praias. Por tanto, nun día de praia pode haber máis de 130.000 persoas no municipio.
Nos últimos anos produciuse un relevante incremento das prazas de aloxamento turístico que pasaron de 25.576 a 29.062, sobre todo polas vivendas turísticas.
Sanxenxo conta coa maior capacidade hostaleira do norte de España con 9.931 prazas entre os 167 hoteis, superando a Bilbao, a segunda cidade do norte peninsular con 8.154 prazas hostaleiras.
Doutra banda, Sanxenxo ten propietarios de segundas residencias que proceden de todas as provincias de España coa excepción de Teruel e Selecta. Ata que punto chega o tirón de Sanxenxo que persoas con residencia habitual nas illas Baleares, Canarias e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla adquiriron aquí unha vivenda de vacacións a pesar da gran distancia que lles separa.
Sanxenxo dispón de 97.612 prazas para visitantes distribuídas:
- 68.550 prazas das 11.425 segundas residencias.
- 29.062 prazas de aloxamento turístico repartidas:
- 12.108 prazas das 2018 vivendas turísticas
- 9.931 prazas hostaleiras de 167 hoteis
- 4.184 prazas en 11 cámpings
- 2.839 prazas en 42 apartamentos turísticos
Se ás 97.612 prazas para visitantes súmanse os 17.731 veciños empadroados a finais de 2020 dános a cifra de 115.342 persoas que pernoitan en Sanxenxo nas semanas de maior ocupación.
Para poder dar servizos de calidade a tantos miles de persoas Sanxenxo todos os anos na tempada alta destina 1,7 millón de euros a reforzar os servizos e contratar 200 persoas entre policías, socorristas, persoal de limpeza, oficinas de turismo, entre outros.
Relacionadas:
-
A Deputación e Aviturga coinciden na necesidade de profesionalizar o sector das vivendas turísticas
Por Oskar Viéitez |
-
Ocupación histórica no mes de xuño nas vivendas de uso turístico
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación e o consorcio de empresas turísticas de Sanxenxo inician unha senda de colaboración
Por Oskar Viéitez |