O home que apareceu morto en augas de Raxó era un veciño de Vilanova
Por Oskar Viéitez
O Xulgado abriu dilixencias previas por un presunto homicidio respecto ao home que apareceu morto na auga fronte ao porto de Raxó o pasado xoves.
Finalmente foi identificado na tarde do venres polas súas impresións dixitais xa que non portaba documentación ou un teléfono móbil que facilitase a súa identificación.
Tratábase dun veciño da parroquia vilanovesa de Caleiro, de 39 anos, coas iniciais S. B. C., e que este sábado recibiu sepultura.
Este home tiña antecedentes policiais. Na autopsia practicada no Instituto de Medicina Legal de Galicia ( Imelga) púidose determinar que o corpo non tiña auga nos pulmóns polo que xa tería falecido antes de caer ao mar.
O cadáver foi localizado o pasado xoves flotando na auga por unha parella que se dirixía a bordo dunha embarcación auxiliar. Tras dar aviso, foi o Servizo Marítimo da Garda Civil de Pontevedra o que recuperou o corpo sen vida.