Catro expertos asesorarán na escolla da nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción
A Concellaría de Promoción da Cidade e Réxime Interior avanza no concurso da nova da imaxe corporativa do Concello de Pontevedra. Nesta semana, a concelleira responsable do departamento, Anabel Gulías pechou o comité de expertos que se encargará de asesorar ao xurado na súa decisión final.
Trátase de catro profesionais de recoñecido prestixio no sector e vinculados á Universidade de Vigo e ao campus de Pontevedra.
Marcos Dopico Castro é o decano comisario para a creación da Facultade de Deseño do Campus de Pontevedra e como profesional, experto en deseño de tipografía. Cristina Varela Casal, deseñadora gráfica, e docente e secretaría do Grao de deseño. Juan Manuel Corbacho, docente e investigador en Ciencias audiovisuais e publicidade, e compaxina o seu labor docente coa coordinación das prácticas preprofesionais do máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais. E Alberto Dafonte, profesor de Ciencias Audiovisuais e Publicidade, centra o seu labor docente e de investigación na competencia dixital.
O proceso administrativo está prácticamente rematado e a concelleira de Promoción da Cidade agarda que na vindeira semana as bases poidan ser publicadas definitivamente no Taboleiro de anuncios electrónico do Concello de Pontevedra e no Perfil do Contratante da sede electrónica, momento no que se abrirá un prazo de 10 días hábiles para que os profesionais que o desexen poidan presentar o seu portfolio.
Polo de agora, as persoas interesadas poden consultar o borrador definitivo das bases colgado na páxina web municipal pontevedra.gal.
UNHA IMAXE Á MEDIDA DA PONTEVEDRA CONTEMPORÁNEA
A evolución da Pontevedra dos últimos anos debe de estar reflectida na nova imaxe do Concello, segundo resumiu a concelleira Anabel Gulías. "A proxección internacional e o feito de termos sido referente nunha serie de debates que seguen producindo pero que nós adiantamos, e é un feito que fai sentirnos moi orgullosas no traballo feito ata o momento", explicou.
Tamén definiu Pontevedra como "unha cidade nova, do futuro, viva, creativa, dinámica" e como exemplo disto citou "as máis de 1.000 actividades que organizamos neste Concello nos espazos públicos, algunhas delas, como o Salón do Libro, que son premiadas e referencia en ámbitos culturais e nomeadas e postas como exemplo por outras cidades máis grandes".
Tamén destaca que "Pontevedra é unha cidade comprometida coa loita contra o cambio climático, co coidado do planeta e o coidado medio ambiental na cidade" a través de iniciativas como "a compostaxe, os parques forestais, o coidado dos espazos públicos, o coidado do ciclo da auga, a economía circular e en definitiva, a Pontevedra do Efecto PO2".
Ademais da Pontevedra actual, a nova imaxe corporativa tamén debe representar, en palabras de Gulías "a todas e todos os pontevedreses" polo que "o obxectivo é que o novo imagotipo sexa tanto para un veciño de Michelena como de Pintos, para un veciño de Monte Porreiro ou de Mollavao".
A actual imaxe corporativa é unha adaptación do escudo oficial de Pontevedra (cuxos elementos están definidos oficialmente no DOG do 11 de xaneiro de 2002) e que na altura do 2021 "é necesario retocar a imaxe coa que vimos traballando estes anos e que tantas alegrías nos deu, porque está claro que veñen tempos novos e que o Concello está mirando cara o futuro", conclúe a concelleira.
Relacionadas:
-
Auga e pedra dan forma á nova imaxe de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A empresa Cenlitrosmetrocadrado deseñará a nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra, na busca dunha nova imaxe para dar un "salto adiante" na súa proxección
Por Alejandro Espiño |
-
Os interesados en deseñar a nova imaxe do Concello poden presentar traballos ata o 2 de xullo
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra avanza na procura da súa nova imaxe corporativa
Por Redacción |
-
O Concello e Asociación Galega de Deseño colaboran na renovación da imaxe corporativa municipal
Por Redacción |
-
Haberá un cambio de imaxe corporativa do Concello para amosar o dinamismo e a proxección internacional de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |