Un veciño de Barro, investigado tras intentar atropelar un axente da Garda Civil de Tráfico e darse á fuga
Por Redacción
Unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra realizaba o 28 de maio un control habitual e preventivo de consumo de alcol e drogas no punto quilométrico 6,300 da PO-532, no municipio de Pontevedra. A sorpresa dos axentes produciuse cando ao dar o alto a un vehículo, o condutor facía caso omiso aos sinais e abandonaba a zona.
A partir dese momento, a patrulla realiza un seguimento para tentar localizalo. Minutos máis tarde é detectado na estrada EP-0004. Os axentes volven darlle o alto e o mozo realiza unha manobra brusca co vehículo coa intención de atropelar a un dos gardas civís da patrulla. Tras esta acción, dáse á fuga.
Dous días máis tarde, o 30 de maio, acompañado do seu avogado, o condutor comparece nas dependencias do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra. Trátase dun residente no municipio de Barro de 23 anos.
Os axentes léronlle os seus dereitos e instruíronlle dilixencias por un delito de atentado contra axente da autoridade e, por outro, contra a Seguridade viaria por conducir un vehículo perdendo a totalidade dos puntos asignados no seu permiso. Estas dilixencias foron entregadas no Xulgado de Garda de Pontevedra.
No caso de que este condutor sexa considerado culpable pola autoridade xudicial enfróntase a unha pena de prisión de 3 anos e un día a 4 anos e medio polo delito de atentado. Polo delito contra a seguridade viaria enfróntase a unha pena de prisión de 3 a 6 meses, multa de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade cunha marxe de entre 31 a 90 días, ademais de quedar privado do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por un tempo establecido entre un e catro anos.
Relacionadas:
-
Investigan un condutor ebrio que fuxiu de xeito temerario dun control e provocou un accidente
Por Oskar Viéitez |
-
Tres mozos de 18 a 24 anos falecidos nun grave accidente entre un coche e un camión en Caldas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Accidente múltiple entre dous turismos e un camión na AP-9 en Barro
Por Redacción |