Limpan as áreas recreativas e as praias fluviais de Cerdedo-Cotobade ante a chegada do verán
Por Redacción
Antes de que cheguen os visitantes do verán, o goberno municipal de Cerdedo-Cotobade iniciou a campaña de roza e limpeza de todas as áreas recreativas e das praias fluviais do municipio, coa fin de telas en óptimas condicións para a tempada estival.
Así, o operativo municipal centrouse nestes días en poñer en perfecto estado as zonas de baño das praias da Chan (Carballedo), Pozo Negro, Xesteira e Calvelo (Tenorio) e Cabanelas (Viascón).
As análises periódicas ás que son sometidas as augas das praias fluviais deron ademais un resultado de “excelentes” para o baño, sinalan desde o goberno municipal.
O Concello non impoñerá aforo en ningún destes espazos debido á imposibilidade de acoutar as áreas de baño, especialmente por tratarse de enclaves naturais.
Si haberá vixilancia e control na de Cerdedo por parte da concesionaria do quiosco, que actuará en caso dunha concentración excesiva de bañistas.
Haberá colocados paneis informativos en cada zona de baño coas normas de prevención da covid-19 e neles apélase á responsabilidade cidadá para o seu cumprimento. En caso de detectar comportamentos incívicos, tomaranse as medidas oportunas.
Por outra banda, tamén se acometeron procesos de limpeza e mantemento en profundidade das áreas recreativas reparando bancos, papeleiras ou mesmo billas de auga en fontes para que as persoas que desexen xantar ou merendar nestes espazos de convivencia veciñal poidan facelo do mellor xeito posible.