Varias denuncias pola actividade dos 'pulpeiros', considerada ilegal en Pontevedra
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A actividade dos 'pulpeiros' e 'pulpeiras' que se instalan no exterior de establecementos de hostalería para servir racións aos clientes, en colaboración cos propios hostaleiros, foi obxecto de tres denuncias a pasada fin de semana en Pontevedra que xa levaron a algunha das persoas que se adican a esta actividade a decidir paralizala.
A Policía Local acudiu a un destes locais pola denuncia dun veciño e, a partir de aí, precipitáronse dúas denuncias máis porque, segundo indican fontes policiais, trátase dunha actividade de venda ambulante que é "ilegal" e para a que carecen de autorización municipal.
Fontes oficiais da Policía Local informaron a PontevedraViva que todo comezou na mañá do pasado sábado. Un veciño da rúa Cruz Gallástegui chamou á Policía Local para denunciar que había un 'pulpeiro' no exterior dun establecemento de hostalería e que se trataba dunha actividade ilegal.
Ante a existencia dunha denuncia, os policías sempre están obrigados a acudir para comprobar a ilegalidade denunciada e desprazáronse ata o citado negocio. Unha vez alí, solicitaron os permisos de actividade e, dado que non os tiña, comunicáronlle ao 'pulpeiro' que non podía continuar cociñando e servindo as racións.
A Policía Local denunciou a este 'pulpeiro' por desobediencia por incumprir a indicación policial de que non podería seguir coa súa actividade e enfrontarse aos axentes. Unha vez que lle comunicaron a denuncia, un hostaleiro enfadouse, indicou que só realizaba unha actividade que prolifera polo resto da cidade e decidiu denunciar outros pulpeiros.
Así, segundo fontes policiais, o home colleu o seu coche, desprazouse a outros puntos da cidade e, cando detectou outros 'pulpeiros' e 'pulpeiras', chamou á Policía Local para alertar da súa ilegalidade. Nese momento, os policías, obrigados a comprobar todas as denuncias, foron aos lugares referidos e acabaron formulando outras dúas denuncias máis, todas elas por desobediencia a persoas ás que comunicaron que estaban a realizar unha "actividade ilegal por venda ambulante" e desatenderon as indicacións policiais.
Estas mesmas fontes confirmaron que a actividade é ilegal en Pontevedra porque a venda ambulante só está autorizada en circunstancias e lugares recollidos nunha ordenanza municipal e previa solicitude de permiso. No caso dos 'pulpeiros', non se dá autorización nin hai opción tampouco de que a soliciten.
A preguntas de PontevedraViva, fontes policiais indicaron que non teñen intención de realizar ningunha actividade de vixilancia especial sobre estes establecementos a partir de agora, pero que si se detecta algunha irregularidade, será perseguida.
Tras estas denuncias, o pasado sábado día 5 apareceu nun establecemento hostaleiro de Pontevedra un cartel de aviso de que a 'pulpeira' que adoitaba instalarse alí non podería facelo porque "la normativa del Concello no permite que los pulpeiros pongan su puesto en la vía pública". Engadía que 'pulpeiros' e hostaleiros "estamos luchando para conseguir los permisos necesarios".
O PP VE "PERSECUCIÓN"
O PP de Pontevedra fixo unha queixa pública tras ter coñecemento das citadas denuncias. O presidente local do partido, Rafa Domínguez, solicitou este martes unha copia da denuncia efectuada á Policía Local dun particular a ese 'pulpeiro' que estaba a traballar na rúa Cruz Gallastegui e preguntou por que unha vez interposta a denuncia, o resto de pulpeiros que estaban a traballar na cidade tamén foron multados.
"A denuncia do particular tivo un efecto dominó que terminou por castigar ao resto de pulpeiros que estaban a levar a cabo o seu labor, con todos os papeis en regra", criticou Rafa Domínguez, que engadiu que moitos dos locais da cidade contratan a 'pulpeiros' para "engadir valor ao seu negocio, pero o que non esperaban é que fose atacados por iso".
Domínguez preguntará á concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Eva Villaverde, polo que considera unha situación de "acoso e derriba continuada por parte deste Concello cara á hostalería, que xa o están pasando realmente mal para que aínda por encima teñan que aguantar esta persecución".
"Pedimos responsabilidade e apoio coa hostalería e que se termine esta caza de bruxas", indicou Domínguez, que responsabiliza a Eva Vilaverde e ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como "cómplices" desta actuación da Policía Local e acúsaos de "criminalizar este sector".