Marín abre o prazo de reserva de entradas para a proba piloto das verbenas do día 19
Por Redacción
O Concello de Marín pecha o sistema para conseguir entradas para participar na proba piloto das verbenas, fixada para o 19 de xuño de forma simultánea en diferentes municipios de Galicia, que traerá ao aparcamento da Praza de España á Orquestra Marbella.
As entradas estarán dispoñibles a partir deste xoves, 10 de xuño, a partir das 10 horas na páxina web do Concello de Marín ou na plataforma Enterticket. De forma presencial poden adquirirse tamén entre o xoves e o venres no Museo Manuel Torres de 11 a 14 e de 18 a 21 horas.
Para conseguir unha entrada será obrigatorio achegar o nome completo e teléfono de contacto para garantir a seguridade e prevención en relación á situación sanitaria.
O aforo total será de 1.000 persoas de pé que estarán repartidas en 167 parcelas de 12 metros cadrados cada unha con capacidade para 6 persoas. Deste xeito, no momento da compra das entradas os compradores poderán elixir a localización das súas parcelas e adquirir un máximo de seis billetes.
O día do evento, as portas abriranse unha hora e media antes do inicio da actuación, prevista para as 21 horas, para evitar aglomeracións.
Para acceder ao recinto será obrigatorio contar cunha entrada, incluídos os bebés. Os menores de 16 anos deberán ir acompañados por un adulto e está prohibido beber, comer ou fumar no interior do recinto. Tampouco se poderá exceder o límite de aforo da parcela e en todo momento débese manter a distancia de seguridade entre persoas, que deberán levar posta sempre a máscara.