Os aspirantes á universidade pasan as probas da ABAU no campus de Pontevedra
Por Redacción
Ata 1.233 estudantes achegáronse este martes ao campus de Pontevedra para participar na primeira xornada dunha probas de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) que, por segundo ano consecutivo, estiveron marcadas pola pandemia da covid-19.
Todas as facultades pontevedresas, a excepción de Fisioterapia e Belas Artes que non teñen aulas axeitadas, acolleron os primeiros exames destas probas, que continuarán ata o xoves.
A ABAU arrancou contra as dez da mañá co exame de Historia de España no que, entre outros asuntos, os alumnos tiveron que detallar os seus coñecementos sobre a ditadura de Franco, as desamortizacións ou a Revolución de 1868.
A continuación foi a proba de Lingua e Literatura Castelá, na que as opcións foron libros de Buero Vallejo, Almudena Grandes ou Rubén Dario; e o comentario de texto estivo relacionado cun artigo xornalístico sobre a reciclaxe.
Xa pola tarde, os alumnos de Sociais e Arte examináronse de Matemáticas aplicadas ás ciencias sociais e de Fundamentos da Arte. Os alumnos de Ciencias e Humanidades xa non terán máis exames ata mañá.
Os exames realizáronse co mesmo protocolo que o ano pasado con medidas como distancia entre estudantes de 1.5 metros cando estean sentados, mesas etiquetadas cos nomes, uso obrigatorio de máscara ou xel hidroalcólico.
Os estudantes de Pontevedra, chegados de ata trece municipios diferentes, estrearon ademais o pavillón universitario como sede para estes exames, que realizaron alí 293 mozos e mozas.
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na que se habilitaron espazos como o ximnasio, o pavillón e, por primeira vez, a súa pista de atletismo cuberta, volveu ser o centro do campus que máis estudantes acolle, 488.
Outros 231 alumnos e alumnas realizan a ABAU na Escola de Enxeñaría Forestal e 211 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Relacionadas:
-
Convocan 510 bachareis a un cribado despois dos gromos xurdidos en festas de gradación e excursións
Por Oskar Viéitez |
-
A ABAU con necesidades especiais: un exame ditado, tempo extra ou unha cama para descansar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
1.223 estudantes examinaranse da Abau desde este martes en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |