O Sergas manterá operativas este verán o 87% das camas de hospitalización en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O plan de adecuación de recursos asistenciais programado para a etapa estival na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés prevé a utilización dun 89% das súas camas de hospitalización. Dende a xerencia sinalan que este área "manterá durante o vindeiro verán a dispoñibilidade do 100% das camas nos seus respectivos hospitais para dar resposta asistencial a calquera necesidade".
Aseguran que dita planificación "permitirá asegurar as necesidades de cobertura asistencial dacordo coa previsión de demanda na área, así como executar un uso racional dos recursos".
Concretamente o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) terá operativas 520 das súas camas -o 87% do total- e o Hospital do Salnés 108 camas, que representan o 90% da súa totalidade.
A xerencia xustifica este peche de camas pola coincidencia do período de vacacións do personal e tamén "pola diminución dos ingresos hospitalarios por procesos respiratorios", polo que é necesario efectuar unha programación previa, mantendo e adaptando os recursos asistenciais a esta realidade que se repite cada ano durante esta época.
Engade que este peche tamén posibilita que ao longo dos meses deste verán se executen pequenas obras e actuacións preventivas ou reparadoras en distintas unidades, unhas intervencións que durante unha época de maior ocupación sería máis complicado acometer.
A xerencia da área sanitaria reitera que "estarán dispoñibles a totalidade das camas en todo momento, quedando operativas de xeito inmediato cando fora preciso".
Como medida preventiva no caso de que o nivel de ocupación superara o 90% en calquera dos tres hospitais, a dirección da área sanitaria dispón doutro sistema de continxencia específico que dotará de persoal específico para utilizar aquelas camas que foran precisas, garantindo a asistencia de continuidade en todo momento.