A pista entre Piñeiro e Tresaldeas estrea o seu renovado aspecto
Por Redacción
Ata 21.000 euros investiu o Concello de Cerdedo-Cotobade na mellora integral da pista de 250 metros que une os lugares de Piñeiro e Tresaldeas, na parroquia de Quireza.
Esa actuación, financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación, permitiu continuar coa adecuación do trazado que vai desde o núcleo de Os Castros (Quireza) co entronque de Barbeira (Tomonde), iniciado xa con anterioridade.
Os traballos centráronse basicamente na mellora das cunetas, que foron obxecto dun saneamento integral e formigonado posterior, así como a construción de sistemas de recollida de augas pluviais e drenaxe.
Ademais, aproveitouse a intervención para levar a cabo a reposición de entradas nos terreos lindeiros co camiño así como a mellora da seguridade tanto para o tráfico rodado como para os viandantes que utilicen esa estrada de titularidade municipal.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicou que este tipo de intervencións permite non só mellorar a seguridade viaria da rede interior do municipio senón tamén vertebrar o territorio dun xeito axeitado "dando resposta ás demandas da veciñanza".