O Grove organiza actividades para facilitar a conciliación laboral e familiar durante o verán
Por Redacción
A concellería de Educación do Concello do Grove traballa na programación de actividades que favorezan a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares tendo sempre en conta a situación sanitaria. Por iso, en lugar de organizar o tradicional campamento de verán, o goberno local propón o programa ConciliaGrove.
A iniciativa desenvolverase entre os meses de xullo e agosto e vai dirixido a nenas e nenos nados entre 2015 e 2017 que estean empadroados no Concello do Grove, que os seus proxenitores ou titores sexan traballadores por conta propia ou allea e que xustifiquen a súa contratación nos meses de xullo e agosto.
As solicitudes de inscrición neste programa presentaranse do 10 ao 17 de xuño no segundo piso do Concello achegando a seguinte documentación: solicitude cuberta, foto do menor, firma dun dos proxenitores ou titor, fotocopia do DNI dos proxenitores, fotocopia do libro de familia (de todas as follas cubertas), certificado de empresa na que traballa que acredite que estarán contratados durante xullo e agosto, así como xornada de traballo, mentres que os autónomos deben achegar unha copia do último recibo do pago da cota á Seguridade Social así como unha declaración xurada de estar efectivamente traballando en xullo e agosto. Ademais dunha fotocopia da tarxeta sanitaria e unha declaración responsable de condición de saúde cuberta e asinada.
A actividade desenvolverase de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas. Debido ao cumprimento das normas sanitarias, faranse grupos reducidos, con escaso contacto entre eles, e será obrigatorio o uso de máscara e das demais normas sanitarias en vigor.
O custo desta actividade será de 128 euros ao mes por participante e terán prioridade aquelas familias nas que traballen ambos os proxenitores en horario de mañá e precisen dous meses.
Con esta acción o goberno local pretende dar resposta á necesidade de conciliación das familias do Grove e confían en poder organizar no verán de 2022 un campamento urbano en condicións normais.