A concelleira Yoya Blanco visita a nova tenda de Seven na 'milla de ouro'
Por Redacción
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, visitou este xoves a nova tenda que a firma Seven acaba de inaugurar na rúa Benito Corbal, en plena 'milla de ouro' de Pontevedra.
A edil socialista, "amante, como o resto da familia, da roupa e complementos de Seven", amosou a súa ledicia "por ver como emprendementos locais como este se atopan en plena expansión, mesmo nunha situación sanitaria e económica tan complexa como a actual".
"Xa contaban cun establecemento que funcionaba de marabilla na rúa Cruz Gallástegui, pero esta nova tenda permitirá achegar aínda máis aos potenciais clientes esta roupa tan bonita e absolutamente exclusiva", subliñou Blanco.
A concelleira do PSOE aproveitou a súa visita para felicitar ao responsable de Seven, Pablo Martínez, "por seren un verdadeiro #PonteLover, un emprendedor e un innovador, autor dunha marca totalmente 'made in Pontevedra' como é Buddy, deseñada por el mesmo e estampada por Sergraf".
Yoya Blanco non puido resistir a tentación de levar consigo unha gorra de Cocowi, "desas deseñadas por Fernando Verdasco e Ana Boyer e coas que fai 'postureo' en Instagram Tamara Falcó".