Os sindicatos da Sanidade queren facer notar o descontento xeral polas privatizacións cunha protesta masiva
Por Manu Otero
A praza da Peregrina acollerá este sábado, ás 12 horas, unha concentración en defensa da sanidade pública e os sindicatos CXT, Prosagap e Steg fan un chamamento aos profesionais e á sociedade en xeral a participar nesta protesta contra a derivación de pacientes e servizos aos hospitais privados. Unha mobilización promovida pola Coordinadora Antiprivatización da Sanidade (CAS) que se fará de forma simultánea en 60 cidades de toda España.
Denuncian estes sindicatos que, máis dun ano despois do estalido da pandemia, a deterioración do sistema público de saúde séguese producindo a base de recortes, privatizacións e falta de medios humanos. O obxectivo desta manifestación é o de esixir a blindaxe da sanidade pública e protestar polo desvío da recadación de impostos a empresas privadas cando " permanencen pechadas miles de camas en hospitais públicos".
Para lograr os seus obxectivos, os sindicatos consideran imprescindible a derogación da Lei 15/97 e do artigo 90 da Lei Xeral de Sanidade, recuperar todo o privatizado, un novo modelo de Atención Primaria, unha industria sanitaria, farmacéutica e de investigación pública, acceso á sanidade universal e unha mellor atención para persoas maiores e dependentes.
"Facemos un chamamento á participación para que se note o descontento dos traballadores", afirma María Almón, delegada de Prosagap, quen pon en valor o esforzo do colectivo dos sanitarios para facer funcionar os hospitais e centro de saúde á conta de renunciar a días libres e vacacións. Neste sentido, tamén denuncia que moitos dos pacientes que o Sergas deriva á sanidade privada acaban regresando á pública para realizar o seguimento polo que "se está pagando dúas veces polo mesmo servizo".
Co inicio da tempada de verán, a actividade dos hospitais e centros de saúde sempre sofre un reaxuste que, admite Carolina Iñarrea, "será menor este ano". A longa lista de espera xerada pola pandemia obriga a manter activos os quirófanos. Con todo, alerta das dificultades para manter activos algúns servizos como os Puntos de Atención Continuada, que seguirán funcionando "grazas ao esforzo dos traballadores", lamentou durante o anuncio da mobilización no que tamén estiveron presentes Belén Asensi, de Steg; e Miguel Ángel Cuña, de CXT.