A Garda Civil de Sanxenxo investiga dous veciños de Bilbao por unha ciberestafa
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil investiga penalmente a dous veciños de Bilbao como presuntos autores dunha estafa que sufriu un veciño de Sanxenxo despois de adiantar algo máis de 11.000 euros pola compra dun motor para unha embarcación a través de internet.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, as investigacións iniciáronse o pasado mes de febreiro cando un veciño de Sanxenxo denuncia no Posto Principal da Garda Civil da mesma localidade que non recibira un motor que comprara a través de internet, a pesar de que cumprira o acordo pactado de adiantar o importe do 60% do seu valor, que ascendía a 11.370 euros.
As pescudas para o esclarecemento da presunta estafa levaron ao equipo de investigación á identificación dos supostos autores no País Vasco. Trátase dunha muller de 41 anos, responsable da firma comercial que anunciaba a venda do motor e un home de 45 anos, titular dos teléfonos a través dos cales se estableceron as comunicacións para concretar os detalles da compra, entre eles o obrigación de adiantar a porcentaxe do seu importe.
Os dous presuntos responsables da estafa, ambos os veciños da provincia de Bilbao foron localizados e notificados como investigados polos compoñentes do Grupo de Investigación de Delitos Tecnolóxicos da Comandancia da Garda Civil de Bizkaia.
As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución Nº 3 de Cambados.