Un mural en Caldas para denunciar unha sociedade que "maquilla" a violencia machista
Por Redacción
Cunha "imaxe trampa", a artista Btoy (Andrea Michaelsson) deixou a súa pegada na Rúa Porto do Río, en Caldas de Reis. É a autora do gran mural de trinta metros de longo e oito de alto que, no marco do programa provincial Violencia Zero, se plasmou no municipio.
Nel, aparece o rostro dunha muller moza e bela que suaviza a dura frase que figura ao seu carón, da escritora e feminista Bell Hooks: "Toda sociedade baseada na dominación apoia e aproba a violencia".
Con esta acción, a artista invita ao público a reflexionar sobre os estereotipos e sobre como a sociedade "maquilla" a violencia de xénero e "edulcora unha discriminación estrutural que nos afecta ás mulleres desde o momento en que nacemos".
O mural de Btoy leva por título "En branco... A violencia simbólica" e nel a artista enfoca a súa denuncia cara aos estereotipos que marcan ás mulleres de todas as idades nunha sociedade de dominación contra elas, "porque sempre hai un estereotipo da muller violentada e a violencia exércese contra a muller polo feito de selo, sexa maior, como moza ou nena".
Andrea Michaelsson quixo tamén poñer en valor o traballo das mulleres artistas que, coma ela, están a apostar pola pintura de murais en gran formato en espazos públicos.
"Isto é un reto porque este traballo era masculinizado e con certa constancia e ganas sobre todo pois fomos comezando unhas poucas. Despois de que se visibilizase están a entrar neste arte moitísimas máis mulleres con boas propostas", explicou.
Respecto do tema do mural, engadiu que a sociedade está permanentemente reforzando e moldeando estereotipos e prexuízos e "a cuestión está non só en detectalos, que xa os coñecemos, a clave é recoñecer como nos colocamos eses estereotipos sen darnos conta".
Nas súas intervencións, tanto a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, como o alcalde Juan Manuel Rey agradeceron ao veciño de Caldas, Isaac Froján, que ofrecese este muro da súa propiedade para que a artista plasmase a súa obra.
Alonso subliñou que o novo mural invita á veciñanza de Caldas "a desfrutar da arte e a reflexionar sobre a violencia de xénero" e convidou a utilizar a nova obra como "fío condutor" para recapacitar e falar do cambio que "temos que facer na sociedade" para acabar coa violencia machista.
Relacionadas:
-
Unha astronauta súmase á loita contra a violencia machista en Caldas
Por Redacción |
-
O alumnado do colexio do Toural reflexiona sobre a violencia machista
Por Redacción |
-
'Violencia Zero' instalala un mural reivindicativo en Bueu
Por Redacción |
-
Marín reflexiona sobre os "malabarismos" das mulleres para poder conciliar
Por Redacción |
-
Nos últimos cinco días houbo 18 casos de violencia machista na provincia, nove deles de risco alto
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis e a Deputación reivindican a "violencia zero"
Por Redacción |
-
A Deputación anuncia unha "extensa xeira de accións" que farán de marzo o mes da igualdade
Por María José Pita |
-
"Este é o momento de reivindicar a cultura"
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |