Portas estrea un novo web para comunicarse cos seus habitantes e promocionar o municipio
Por Redacción
A través de www.portas.gal, o Concello de Portas acaba de estrear unha nova canle de comunicación coa súa veciñanza. Trátase dunha páxina web municipal que servirá ademais para promocionar o municipio desde o punto de vista turístico.
Así, ademais de estar dispoñible a información sobre todos os servizos municipais, o sitio recolle información de utilidade, feitos históricos e promoción dos recursos locais.
A este respecto, o novo web implementa un acceso especialmente orientado a dar maior visibilidade aos establecementos comerciais e servizos de hostalería existentes no municipio.
Desde a páxina poderase acceder á sede electrónica do Concello para que sexa máis doado e sinxelo facer calquera tipo de trámite administrativo coa administración.
Tamén se pon a disposición dos visitantes notas históricas relacionados con personaxes vencellados co concello como o cartógrafo e matemático ilustrado Domingo Fontán ou Concepción Pérez Iglesias, a primeira alcaldesa que houbo en Galicia.
Entre o seu contido, a páxina recolle un apartado dedicado a cada parroquia e nace como un proxecto vivo e aberto á colaboración e aportación veciñal e incluso se poderán incluír todos aqueles que a propia veciñanza vaia considerando, ao contar cun formato adaptable ás necesidades que se lle vaian demandando a este sitio de internet.
O Concello agradeceu a todas as persoas que colaboraron con esta páxina coa recompilación de información e aporte gráfico, especialmente á comunidade de montes de Lantaño, ao portal Historiadeportas.wordpress.com e a veciños como José Ramón Moure e Elicio Mandallo.