O repentino peche de Santa María deixa só 72 horas de marxe para buscar novo fogar ao seu paciente máis antigo
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Luns. Soa o teléfono de Pablo Casas. É un traballador da residencia de Santa María, na que leva ingresado o seu irmán vinte anos. Comunícalle que o centro pecha esa mesma semana e que ten de marxe ata o xoves, menos de tres días, para trasladar ao paciente.
É o inicio da carreira contrarreloxo na que está inmerso este axente da Policía Nacional de Pontevedra, que se ocupa desde o ano 1999 do seu irmán, vítima dun accidente de tráfico que lle provocou graves secuelas físicas e psíquicas.
"Móvese en cadeira de rodas, non ten memoria a curto prazo desde o accidente, e sofre parálise entre outras secuelas tanto físicas como psíquicas. Ten o grao III de dependencia", explica Casas a situación que levou a Jorge Eduardo, de 42 anos, a ingresar nesta residencia.
A pesar das dificultades que debe superar cada día, a vida deste paciente no centro pontevedrés era relativamente cómoda. "Somos de Pontevedra e a cidade é moi amable, saïamos a pasear todos os días", agradece o seu irmán. Con todo, a deste xoves foi a última noite que pasou na que foi a súa habitación durante os últimos 20 anos.
Desde o día do fatídico suceso, Jorge Eduardo pasou os primeiros meses da súa recuperación nun hospital santiagués, logo foi trasladado á unidade especializada en recuperación de vítimas de accidente de tráfico do hospital Vall d'Hebrón, en Barcelona. A recuperación non avanzou tan ben como esperaban e regresaron a Pontevedra, primeiro ao Hospital Miguel Domínguez e finalmente ao sanatorio Santa María.
Alí pasou o seu últimos vinte anos con plena tranquilidade e unha satisfactoria atención tanto sanitaria como social. Pero todo comezou a torcerse hai unha semana, cando nunha das súas visitas Pablo Casas escoitou rumores sobre un peche inminente do sanatorio que deixaría ao seu irmán na rúa. Consultouno cos traballadores de Servizos Sociais e Dependencia da Xunta, que descoñecían a información. Ata que, despois da fin de semana, caeu a bomba.
"Avisáronme o luns para sacalo o xoves", lembra aínda con incredulidade Casas. El entende a necesidade de trasladalo e os motivos do peche da residencia pero critica a escasa marxe que lle deron para atopar unha solución. "Déronnos moi pouco tempo, levo tres días de moitísimas tensións", recoñece o policía que, ao atoparse de días libres, puido dedicar todo o seu tempo a resolver o problema.
Primeiro tratou con Servizos Sociais a adxudicación dunha praza nunha residencia pública, debido a que reúne os requisitos obrigatorios, en calquera lugar de Galicia. Algo que non foi posible. Logo tirou de contactos persoais para dar cunha residencia privada cun custo asumible para o seu peto.
Contactou coa de Vilaboa, na que viviu a súa nai ata que faleceu este ano vítima da pandemia. Imposible, non tiñan prazas dispoñibles. Finalmente xurdiu a posibilidade de ingresalo na residencia Amoedo, en Redondela, á que este venres ten previsto trasladalo.
"Esperamos que sexa algo temporal, ata que lle concedan unha praza na pública. Os gastos asumireinos eu, aínda que conto coa súa pensión de discapacidade e a axuda de dependencia. A diferenza é duns 300 euros", detalla Casas, quen agradece a atención e esforzo que están a poñer os asistentes sociais para atopar unha solución definitiva á situación do seu irmán.
Mentres tanto, como afectará todo este trafego á saúde de Jorge Eduardo é unha incógnita. "Polos seus problemas de memoria non se está decatando moito de todo o que está a pasar. Pero haberá que ver como pasa a primeira noite noutra habitación e como se adapta á nova residencia porque os traballadores de Santa María tratábano moi ben e habíalles colleito moito agarimo", conclúe Pablo Casas que non perde o "optimismo" sobre a procura dun novo fogar para o seu irmán, un dos tres pacientes privados que residían no xa histórico sanatorio de Santa María.