Poio súmase ao Día da Lingua de Signos con contacontos, charlas e talleres para todas as idades
Por Redacción
Poio súmase este venres 11 de xuño á conmemoración do Día Internacional de Lingua de Signos, que se celebra en todo o mundo o 14 de xuño, cunha serie de actividades realizadas en colaboración entre o Concello e a Asociación de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA).
A programación desenvolverase na Casa Rosada e a Concellería de Benestar Social e Mocidade lembra que aínda quedan prazas dispoñibles para tomar parte nas actividades.
A programación está pensada para xente de todas as idades e, para poder tomar parte nestas citas, é preciso contactar coa Casa Rosada con antelación. Pódese facer chamando ao 986872401 ou enviando un correo electrónico a xuventude@concellopoio.org.
As persoas interesadas poderán visitar unha exposición aberta ao público chamada 'A Comunidade con Diversidade Sensorial' e tamén haberá un contacontos para crianzas de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos, que se imparte a través de lingua de signos (18.00 horas).
Posteriormente, haberá unha charla coloquio: ‘A diversidade sensorial: conceptos, estereotipos e recursos’ e ás 20.15 horas dará comezo un obradoiro sobre lingua de signos para maiores de 16 anos.