Dous anos de cárcere para un home que revelou que a súa parella era gay e portador de VIH
Por Alejandro Espiño
Sacar do armario a alguén, a forma na que popularmente se coñece o momento no que unha persoa fala de maneira pública acerca da súa condición sexual, e facelo á forza ou en contra da súa vontade, é un delito.
Así o sentenciou a Audiencia de Pontevedra, que condenou a dous anos de prisión a un home que revelou a homosexualidade da súa parella tras romper con el. Fíxoo ademais colocando carteis e facendo pintadas na súa contorna familiar e laboral.
As maxistradas da sección cuarta da Audiencia confirman a sentenza de primeira instancia que emitira o xulgado do penal número 3 de Pontevedra, condenando ao acusado por un delito contra a integridade moral do seu ex mozo.
Ademais da pena de cárcere, impúxoselle unha orde de afastamento con respecto á vítima durante catro anos e terá que indemnizala con 18.240 euros.
A sentenza considera probado que a parella mantivo unha relación durante cinco anos, entre 2010 e 2015, que mantiveron en segredo e durante a que non conviviron de maneira regular.
Tras a ruptura, o acusado "guiado polo ánimo de menoscabar a súa dignidade, menosprezalo e denigralo", subliñan as maxistradas, fixo pública a súa condición sexual e o seu estado de saúde como portador de VIH "para que fose coñecido por todos no seu ámbito familiar e laboral".
Comunicouno a través de pintadas, carteis e panfletos nos que incluía a foto do seu ex mozo ou cartas manuscritas e a computador nas que, xunto coa súa imaxe e a información do VIH, incluía expresións como "puto maricón", gai, maltratador, cabrón, delincuente e falso.
As pintadas apareceron, entre outros lugares, nunha marquesiña de autobús a 100 metros da súa casa, en diversas praias de Sanxenxo e O Grove ou mesmo nas inmediacións do hotel no que traballaba, asegurando que o establecemento estaba "cheo de SIDA".
Debido a estes feitos, a vítima perdeu o seu emprego como camareiro, que desempeñara durante once anos, segundo recolle o fallo xudicial.