A caseta de Chirleu estará lista antes do Nadal
Por Oskar Viéitez
A nova caseta no recinto de Aguete para a asociación de pescadores Chirleu estará lista antes do Nadal segundo confirmou o presidente de Portos de Galicia José Juan Durán, nunha visita ás obras que se están a executar na zona.
O presidente do ente público comprobou o estado dos traballos de construcción dunha nave que dará servizo aos usuarios para almacenaxe de material e sede das actividades marítimo deportivas que se desenvolven na zona. Así mesmo, disporá de espazos comúns para actividades de caracter formativo e social.
A nova instalación consta dun corpo rectangular cunha superficie total de preto de 80 metros cadrados. O edificio contará cunha cuberta plana, paredes de granito e acabado exterior en formigón, pola parte do espaldón e deixará unha abertura acristalada na cara que dá ao peirao.
Esta actuación dá resposta a unha petición reiterada por parte dos colectivos de usuarios da zona que levan a cabo a súa actividade neste porto.
A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, está a investir nesta dotación máis de 50.000 euros e a súa xestión posterior corresponderá ao Concello de Marín.