Chega Ponteverán, a oferta de lecer para a mocidade, que en 2021 se centra en arte, natureza e tecnoloxía
Por Natalia Puga
Arte, tecnoloxía e natureza. Serán os tres eixos arredor dos que xirará durante este verán 2021 a programación de Ponteverán, a proposta de lecer para a mocidade de Pontevedra que o departamento municipal de Xuventude porá en marcha, como cada ano, durante os meses de xullo e agosto.
O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou este venres a programación, que está pensada para poboación de entre 8 e 35 anos e dará prioridade á veciñanza de Pontevedra, aínda que, en caso de que queden prazas dispoñibles, tamén poderán participar cidadáns doutros municipios.
Todas as actividades son de balde e requiren inscrición previa. O prazo de preinscrición abrirá o vindeiro martes 15 de xuño e a adxudicación de prazas realizarase por orde de solicitude e priorizando a idade recomendada para cada actividade e tamén estar empadroado en Pontevedra. De todos os xeitos, Oubiña anima a toda a poboación interesada a que se preinscriba, pois sempre poden quedar prazas dispoñibles.
Ponteverán chega "co obxectivo de encher a cidade de actividade" e dá á xente nova a oportunidade de socializar, coñecer xente nova, facer novas amizades e gozar de todo o que ofrece Pontevedra.
Este ano, ademais, haberá dous minicampamentos, un na cidade "para coñecer a cidade e os seus segredos" e outro no Outeiro das Meigas de Salcedo, nun espazo recuperado pola comunidade de montes de Salcedo como un poboado. Será un "Regreso á prehistoria" pensado para idades comprendidas entre os 11 e os 14 anos.
Un dos eixos de 2021 será a creación artística. Neste eido, destaca a proposta de crear un mural artístico colectivo na ponte de Eduardo Pondal, actividade dirixida a poboación de 12 a 35 anos á que se busca facer sentir parte activa na renovación da cidade. Tras unha primeira sesión de composición creando a idea no Estudio Matrioska, a actividade será sobre o terreo realizando o deseño colectivo na propia parede.
Tamén se programará a segunda edición dun obradoiro artístico para a creación dun graffiti no Gafos pensado para a mesma idade que permitirá recuperar unha parede degradada cun deseño que se integre co espazo natural do río Gafos. O monitor guiará ás persoas participantes no uso do spray e da pintura.
O segundo eixo será a tecnoloxía, "un dos nichos de futuro e de presente no traballo e unha cuestión que o mundo emprega". Trátase, segundo Oubiña, dunha "aposta de futuro para a mocidade e mesmo unha aposta de presente" e xa se ten confirmado en actividades previas que esperta un alto grao de interese entre a mocidade.
Neste eido haberá actividades como obradoiros de Seguridade na Rede, Windows 10, Robótica, Holografía ou programación de videoxogos ou apps para móbiles. Cada actividade está recomendada para unha idade específica, pero estará aberta a unha máis ampla.
A natureza será o terceiro eixo de traballo, co obxectivo de que a mocidade "goce dos espazos públicos, dos xardíns, das praias, do monte...". Unha destas actividades, a Noite Europea dos Morcegos, pensada a partir dos 8 anos, pechará a programación o 28 de agosto. Haberá unha xincana de orientación nocturna, observación astronómica no miradoiro do Verdugo ou actividades como paddle surf, entre moitas outras.
Toda a programación pode consultarse na páxina web de Xuventude.