Marín presume dun "xeito de ser" cunha nova marca "atractiva e moderna"
Por Alejandro Espiño
Un M cun corazón marcado no centro. É o principal motivo da nova marca promocional que estreou este venres o Concello de Marín. Será unha imaxe institucional que o municipio utilizará principalmente para a súa comunicación e promoción turística.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, destacou que a imaxe elixida é "atractiva e moderna" e convivirá co escudo institucional, que foi adaptado graficamente para poder facer un mellor uso en contextos dixitais pero que mantén todos os seus elementos heráldicos.
A renovación da imaxe municipal veu acompañada do lema da marca que, baixo a frase "un xeito de ser", pretende mostrar que "somos afortunados de vivir nesta terra, de ser marinenses", destacou Ramallo.
"O noso xeito de entender a vida e de vivila é único, propio de nós e sentímonos orgullosos diso: de ser de Marín e do proxecto de vila que defendemos", engadiu a rexedora, que apostou por "reinvidicar e revalorizar" este sentimento cidadán.
O deseño da marca corporativa, realizado pola axencia Anónimo, representa o M de Marín con formas redondeadas, amables e agarimosas, conseguindo no seu centro un corazón co que demostrar orgullo e confianza.
A cor azul será, como xa viña sendo hai anos, a que represente á marca da vila, aínda que se contará cunha paleta de cores secundarios que lle darán versatilidade á marca para poder abarcar todas as áreas relacionadas coa cidade.
De cara a presentar a marca á cidadanía, o goberno municipal realizará unha campaña de lanzamento para que os veciños "a coñezan e a apadriñen", a través de formatos físicos e dixitais. Ademais, haberá unha peza audiovisual que se difundirá en redes sociais.
"Agora iremos pouco a pouco implementando a marca nalgúns soportes que precisan dunha renovación gráfica e en todos os carteis que se vaian realizando", concluíu a alcaldesa.